A UNIÓN DE FEDERACIÓNS DEPORTIVAS DE GALICIA (UFEDEGA) FAI UN CHAMAMENTO A TODAS AS INSTITUCIÓNS PARA QUE CONTINÚEN APOIANDO AO DEPORTE POST COVID-19

Publicado por: UFEDEGA

A Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA) presentou este xoves aos medios de comunicación e a través dunha rolda de prensa telemática un manifesto a través do cal fai un chamamento a todas as institucións tanto privadas como públicas, nacionais, autonómicas, provinciais ou locais sobre a importancia e a necesidade de seguir apoiando ao deporte nestes momentos tan duros para todos e todas.

Nesta rolda de prensa telemática participaron o presidente da UFEDEGA, Rafael Louzán; Bruno López, vicepresidente da asociación e presidente da Federación Galega de Balonmán; Susana Fernández, secretaria xeral da Federación Galega de Baloncesto; e Nuria Rodríguez, vogal da UFEDEGA e presidenta da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo.

A UFEDEGA é consciente de que o Covid-19 está a provocar unha das crises mundiais máis grandes da historia. Esta pandemia está a causar un impacto socioeconómico global, provocado polo efecto sanitario da propia enfermidade que mostra cantidades desoladoras, xa sexa expresadas en número de contaxios como, especialmente, de falecidos. Os esforzos por controlar a súa expansión pandémica está a afectar á economía dos países e o estilo de vida dos seus cidadáns.

Un dos sectores máis afectados é o deportivo, que está a sufrir as repercusións da suspensión da actividade e da imposibilidade de realizar exercicio físico nas condicións que eran habituais antes do estalido da pandemia. Todo isto implica unha gran redución nos recursos socioeconómicos das Federacións Deportivas, Clubs Deportivos e dos propios deportistas.

Dende a Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA) consideramos conveniente, oportuno e incluso estratéxico, a necesidade de que o deporte galego se una nun gran pacto co obxectivo de constituír un vínculo de implicación, interacción e compromiso entre todas as entidades públicas e privadas implicadas no sector deportivo, para apoiar, fomentar e garantir o desenvolvemento digno do deporte en Galicia.
Un trato baseado en catro soportes fundamentais:

• Deporte é Saúde, porque a actividade física, a recreación e o deporte son o mellor medio para acadar o benestar e o equilibrio saudable. Non esquezamos que a práctica deportiva individual foi unhas das actividades que fixeron máis tolerable o período de confinamento a millóns de persoas. Son innumerables os beneficios da práctica deportiva en relación ca saúde, dende a redución do risco a padecer enfermidades ata o fortalecemento do sistema inmunolóxico. Todo o que se inviste en deporte, invístese en saúde.
• Deporte como un ben socialmente necesario para todos e todas, porque inspira á xuventude, activa valores propios da nosa nacionalidade e é a mellor expresión da nosa cultura, que nos une entorno ás proezas deportivas das nosas federacións, clubs e deportistas.
• Deporte é Economía, porque o deporte é un sector estratéxico moi importante para a nosa comunidade, que crea empregos e que representa a relevante cifra do 2,63% do produto interior bruto (PIB) de Galicia.
• Deporte é colaboración, porque en Galicia hai miles de persoas que procuran o ben das entidades deportivas e dos deportistas de maneira desinteresada, antepoñendo os intereses das sociedades e colectivos aos propios. Labor impagable que sen dúbida reduce os costes das administracións públicas.

Por isto facemos un chamamento a todas as institucións tanto privadas como públicas, nacionais, autonómicas, provinciais ou locais sobre a importancia e a necesidade de seguir apoiando ao deporte nestes momentos tan duros para todos e todas.

Desde a UFEDEGA temos claro que é o momento do diálogo, da colaboración e da cooperación, “NON DEIXEMOS DE LADO ÁS NOSAS ENTIDADES DEPORTIVAS” que traballan sen ánimo de lucro e que teñen como fin que os Galegos e Galegas de todas as idades poidamos practicar un “DEPORTE DIGNO E EN CONDICIÓNS”.

La entrada A UNIÓN DE FEDERACIÓNS DEPORTIVAS DE GALICIA (UFEDEGA) FAI UN CHAMAMENTO A TODAS AS INSTITUCIÓNS PARA QUE CONTINÚEN APOIANDO AO DEPORTE POST COVID-19 se publicó primero en UFEDEGA.


Enlace con la noticia original: A UNIÓN DE FEDERACIÓNS DEPORTIVAS DE GALICIA (UFEDEGA) FAI UN CHAMAMENTO A TODAS AS INSTITUCIÓNS PARA QUE CONTINÚEN APOIANDO AO DEPORTE POST COVID-19

Mas noticias relacionadas