Publicado por: F.G. Ciclismo
A Copa de Galicia de descenso en btt volve a Ourense despois de 17 anos e farao o 12 e 13 de Maio coa disputa do Gran Premio Xunqueira de Espadañedo.
Da man do Club Ciclista Maceda, coa colaboración do Concello de Xunqueira de Espadañedo e o patrocinio principal de Toyota Ourense e o Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra, o descenso en bicicleta de montaña volve a Ourense despois de moito tempo e farao nun trazado novo.
O novo circuíto realizado en 2016 atópase situado nas saias do monte Meda, en pleno corazón da Ribeira Sacra e desde a súa creación converteuse xa nun referente para corredores de toda Galicia. Grazas ás súas condicións de altitude, pendente, e sobre todo, grazas a unha espectacular zona final de gran pendente e con enormes saltos de ata 15 metros de lonxitude e máis de 5 metros de altura.
Esta zona de meta fará as delicias do público asistente os días 12 e 13 de Maio, dada a súa gran espectacularidade e a facilidade de acceso. Espérase unha gran participación de corredores de toda Galicia e a organización está a realizar xestións para conseguir a participación dalgún corredor da Copa do mundo.
O 12 de maio celébranse os adestramentos oficiais e o domingo 13 as mangas cronometradas oficiais
Enlace con la noticia original: OURENSE PREPARA O SEU RETORNO AO CALENDARIO DE DESCENSO

