Presentación na sede da RFEA do libro “Chámome Julia” de Isidoro Hornillos

Publicado por: F.G. Atletismo

Logo de ser protagonista dalgúns dos grandes momentos da historia do atletismo español, Julia Vaquero volveu situarse no centro da actualidade coa presentación de Chámome Julia, o libro escrito por Isidoro Hornillos que percorre a súa traxectoria deportiva e vital desde unha perspectiva que vai moito máis alá das marcas e das medallas.

A sede da Real Federación Española de Atletismo  acolleu a presentación da obra, organizada pola RFEA e Fundación Sportium no marco de Atletismo Solidario. O acto permitiu coñecer a historia de Julia desde dentro, achegándose aos seus éxitos deportivos, pero tamén ás súas relacións persoais, ás esixencias do alto rendemento e aos momentos de vulnerabilidade que acompañan unha carreira de elite.

Chámome Julia traslada tamén ao lector a unha época na que o coñecemento sobre a saúde mental, as necesidades específicas das mulleres deportistas e outras cuestións relacionadas co alto rendemento era moi diferente ao actual.

“Eu non quería escribir un libro, quería contar unha historia”, explicou Isidoro Hornillos, que pretende que o lector acompañe a Julia na súa vida máis alá das estatísticas e dos rankings.

A propia Julia Vaquero compartiu durante a presentación o que supón reencontrarse coa súa historia anos despois e reivindicou a necesidade de abordar a saúde mental sen estigmas: “Ás enfermidades mentais hai que respectalas e non estigmatizalas”.

Acompañar máis alá da meta

A presentación serviu tamén para poñer en valor o traballo de Atletismo Solidario, programa impulsado desde 2023 pola RFEA e Fundación Sportium para achegar o atletismo a colectivos vulnerables e facer do deporte un espazo accesible e sen barreiras. As súas iniciativas, que inclúen o apoio a atletas sen recursos, clubs de base e colectivos en risco de exclusión social, xa chegaron a máis de 800 persoas.

O presidente da RFEA, Raúl Chapado, destacou que “o atletismo ten cousas marabillosas e serve para moito máis que para as medallas”, mentres que o vocal da Fundación Sportium, Carlos Duelo, sinalou que a historia de Julia representa valores como “superación, sacrificio e valentía”.

Chámome Julia convértese así nunha oportunidade para mirar o deporte de elite desde unha perspectiva máis humana e lembrar que detrás de cada marca e de cada medalla hai unha persoa cunha historia que merece ser contada e acompañada.

Un libro que engancha desde a primeira páxina

O libro de 366  páxinas narra a vida de Julia Vaqueiro desde a Galicia rural dos anos setenta ata os grandes escenarios internacionais do atletismo. Nesas páxinas hai unha infancia atravesada pola precariedade, os silencios familiares e unha sensación temperá de desamparo; unha adolescencia na que correr empeza a converterse nunha forma de afirmarse fronte ao mundo; e unha madurez na que chegan as marcas, a selección española, os campionatos internacionais e o recoñecemento público… malia que e o libro vai máis alá da historia dunha atleta extraordinaria.

Dispoñible an Amazon

Para todos aqueles interesados e interesadas  o libro atópase dispoñible en AMAZON 

O artigo Presentación na sede da RFEA do libro “Chámome Julia” de Isidoro Hornillos publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: Presentación na sede da RFEA do libro “Chámome Julia” de Isidoro Hornillos

Mas noticias relacionadas