Comunicado: Nota informativa sobre o equipo feminino

Publicado por: U.D. Ourense

Ante o comunicado dunha parte das xogadoras da Unión Deportiva Ourense sobre a retirada do equipo feminino, e do que se está a comentar en distintos medios, temos que facer as seguintes precisións e aclaracións ante as inexactitudes, cando non mentiras, que se están a dicir.

Antes de entrar en materia compre facer un pequeno resumo de como se chegou a crear o equipo feminino.

A Unión Deportiva Ourense fora fundado no verán do 2014 por afeccionados de Club Deportivo Ourense. Os asinantes da acta fundacional e os membros da primeira directiva foron todos homes. E non porque foran excluídas as mulleres, simplemente estes pioneiros que se embarcaron neste proxecto de catro gatos foron todos do sexo masculino porque ningunha muller quixo formar parte deste grupo inicial, nunca se discriminou a ninguén, de feito moitos de nós nin nos coñeciamos. Este inciso ven ao caso polo de “club de hombres hecho por y para hombres”.

Pois si, o club naceu como un equipo masculino. Pero a principios da tempada 2015-16 establecéronse contactos entre varias ex xogadoras do Barbadás encabezadas polo seu adestrador, Rubén García, e a Unión Deportiva Ourense debido a que non ía continuar competindo o Barbadás. Nunha decisión, que vista a día de hoxe pódese considerar irracional e equivocada, a directiva decidiu acoller na súa casa a este grupo de xogadoras, cando non dispoñiamos da infraestrutura e dos medios para facelo, pero puideron máis os nosos ideais e pensamos que estas mulleres merecían xogar ao seu deporte favorito, era de xustiza. Que nos saibamos ninguén máis se interesou pola súa situación, só nós. Debido a esta apresurada decisión delegamos en Rubén practicamente toda a xestión do equipo, un carga excesiva para calquera. Vista esta situación a tempada pasada varios directivos se puxeron a disposición das capitanas para que lle comunicaran ou lle fixeran chegar as súas inquedanzas e para mellorar no que fose posible. Foron conseguíndose cousas, como un desconto para as botas que, por exemplo, os xogadores do equipo masculino no tiñan.
Nas redes sociais do club déuselle a mesma cobertura que ao equipo masculino, retransmisión dos partidos, promoción dos mesmos… Así como a elección da xogadora do mes e, a tempada pasada, a elección da mellor xogadora (liga TAR) coa mesma repercusión e premios que ao equipo masculino.
Desde un primeiro momento intentamos que se sentiran a gusto e darlle o mellor trato posible. Loxicamente este club ten uns ingresos e non pode gastar máis diso. Dentro dos ingresos, nun principio todos eles propiciados polo equipo masculino, destinouse a maior partida posible para o equipo feminino. Desgraciadamente, pero esta é a realidade, o equipo feminino non xeraba practicamente ingresos que cubrirían unha mínima parte do seu orzamento, pero investiamos no equipo feminino ata onde podíamos.

Así os gastos da tempada pasada do equipo feminino foron sobre 19.000 €. Como ingresos directos xerados polo equipo tivemos 1.200 € de rifas, 390 € de carnés e 3.625 € de publicidade, facendo un total de 5.215 €, o resto saíu da parte proporcional das subvencións concedidas ao club e do xerado polo equipo masculino. Tan só de desprazamentos se gastaron 5.492 €. Por certo no seu comunicado, xa entrando en materia, falan de “no cubrir gastos en la mayoría de los casos en los desplazamientos”. Só dicir que viaxaron en autobús a Ribadumia, A Coruña (en tres ocasiones), Vilagarcia de Arousa, Narón, Tordoia, Boiro, Santiago de Compostela e Arteixo. En coches particulares viaxaron en cinco ocasións (desprazamentos a Vigo, Mos e Lugo, sempre os máis próximos) polos que se lle abonou unha cantidade pactada a principio de tempada as persoas que levaban o coche. E por suposto tiñan cubertos todos os gastos de equipacións, roupa de adestramento e de material, ademais dun pack que se lle entregaba a tódalas xogadoras cun valor de 180 €, igual que se facía co equipo masculino.

Seguindo co expresado no seu comunicado falan dos directivos como “personas aficionadas que no tienen idea de gestión deportiva”. Iso é certo, somos afeccionados que non temos nin idea de xestión deportiva, por iso delegamos nos técnicos esa xestión, sen meternos na súa labor.

Despois deixan caer que o ascenso do equipo a 3ª división foi a causa da retirada do equipo feminino. Só lembrar que na Asemblea Xeral Ordinaria aprobouse o orzamento no que estaba prevista unha partida orzamentaria dunha cantidade similar a da tempada pasada para o equipo feminino. Tamén incluímos no Abono Especial o carné do equipo feminino para aumentar os ingresos por este concepto e que os nosos abonados se achegasen a ver os seus partidos, estando xa feitos, pagados e nalgún caso entregados estes carnés. Se a nosa intención fose eliminar o equipo feminino non teriamos feito esta promoción e este gasto.

Tamén falan que na pasada tempada non tiñan segundo adestrador, delegado e fisio. O do segundo adestrador é verdade, Ninguén quixo ese posto. O motivo económico. O que se lle podía ofrecer dende o club non era suficiente. Como nos suxeriron persoas vinculadas ao fútbol feminino, que agora non é o momento de mencionar, poderíamos terlle ofrecido máis diñeiro ao corpo técnico a costa de, por exemplo, que as xogadoras se pagasen o pack de roupa ou que fosen aos desprazamentos polos seus propios medios. Non o tivemos en conta. Despois, xa coa temporada avanzada, Rubén conseguiu que Adrián, preparador físico, lle botara unha man.

O do delegado non é certo, xa que Adolfo, que tamén exercía as labores de masaxista, tiña ficha de delegado e nos partidos da casa encargábase desa función. E en canto ao tema do fisio chegamos a un acordo con Pedro para que se fixera cargo desta labor, aínda que non a tempo completo, algo que tamén ocorría co primeiro equipo. A nosa economía non nos permitía contratar a un fisio a tempo completo para o club. Aínda así a varias xogadoras se lles pagaron probas e tratamentos cando se lles podía ter dito que xa a Mutua se encargaba diso. De feito a Jani, lesionada de gravidade a tempada pasada, se lle vai seguir pagando o tratamento de rehabilitación co fisio do club a pesares da retirada do equipo. Pensamos que é a nosa obriga moral, que non legal.

Compre lembrar que seguimos a ser un club afeccionado que a tempada pasada estaba en Rexional Preferente, cuns recursos limitados. Recoñecemos que temos carencias, tanto no equipo masculino, coma na base e no feminino. O crecemento e a esixencia é brutal tempada a tempada, e aínda quedan moitas cousas que mellorar e que asentar. Pouco a pouco hai que ir profesionalizando o club, pero con calma e sen precipitacións, non se pode estirar a manta máis do que da. Pero non esquezamos que hai catro anos non había club, non había nada.

En canto ao da auga para adestrar, sinalar que bebían exactamente a mesma auga que o equipo masculino, xa que estamos a comparar, auga da billa. Polo que respecta ao tema dos bocadillos para despois dos partidos teñen toda a razón. Tivemos un fallo de coordinación e non se lle estaban a proporcionar. Un problema que se houbera arranxado se llo comunicaran á directiva, pero iso só o fixeron na reunión do pasado martes.

Seguindo coas súas acusacións, quéixanse de que os adestramentos eran en Velle e Miraflores. Dicir que en Miraflores é onde adestra o equipo masculino, e que Velle foi o campo que nos concederon dende o Consello Municipal de Deportes. O tema dos campos é un dos maiores problemas que arrastra este club como ben saben todos os que nos seguen. Pensamos que neste asunto pouca responsabilidade temos.

Tamén se refiren que os seus partidos ían á sombra ou en función dos do primeiro equipo. O horario que quería o club era a dos domingos as 12,00 h. no campo dos Remedios. Unha hora e un campo que considerábamos a mellor opción para que os afeccionados se puidesen achegar en maior número. Dende o concello negáronse a darnos ese horario, xa que alí ten preferencia o Pabellón Club de Fútbol en calquera das súas categorías de fútbol base. O horario oficial que nos concederon foi o domingo pola tarde nos Remedios. Sen embargo cando coincidía cun desprazamento cercano do equipo masculino ou co propio equipo masculino na casa tratamos de evitar dita coincidencia. Consideramos que era menos prexudicial para os nosos afeccionados (os do masculino e os do feminino, que basicamente eran os mesmos) mover o horario do equipo feminino xa que eran bastantes menos os seguidores que vían alterado o seu horario habitual. Sempre procuramos que acudira o maior número de afeccionados aos partidos do equipo feminino. Pero as primeiras tempadas o campo que tiñamos asignado polo concello era Velle, e tan só na última tempada conseguimos os Remedios, pero nun horario que non era o que queríamos.

Polo que respecta ás entradas para o partido do ascenso en Atios, e coñecido por todos que o escaso número de entradas proporcionadas ao club deixou fora a moita xente que quería acudir ao partido. Esta directiva acordou que tiñan preferencia os socios, os donos do club, para acceder a ditas entradas. Así técnicos e xogadores da base tampouco tiveron acceso ás mesmas, e tamén son parte do club, igual que o equipo masculino e o feminino. O que si tiñan era acceso libre ao estadio do Couto cando xogaba o equipo masculino.

Insistir, e deixar claro, que o motivo para retirar ao equipo da competición foi única e exclusivamente a falta de xogadoras, sen que o aspecto económico tivera nada que ver, nunca houbo intención de empregar o orzamento destinada a elas no primeiro equipo. Eran trece xogadoras, unha delas lesionada. Rubén e elas mesmas eran conscientes de que non había calidade de adestramentos, moitas veces non eran máis que seis, e de que en moitos partidos non habería nin once xogadoras para disputar os mesmos. Era unha situación insostible. Pero o que si podemos asegurar é que Rubén moveu Roma con Santiago buscando xogadoras que nunca apareceron. Quizais debimos pedir axuda antes de ter que tomar esta decisión, mandar un SOS a ver se alguén o tiña en conta. Pero sempre pensamos que a situación se arranxaría e acabarían chegando xogadoras. Intentamos chegar a un acordo co Cidade das Burgas para fomentar a canteira e que varias das súas xogadoras tamén xogasen no noso club, finalmente non se puido levar a cabo. Como tampouco chegaron a bo porto outros contactos con outros clubs para colaborar, asumimos a nosa parte de culpa.
Simplemente dicir que esta semana contactamos co Rosalía para intentar buscar unha solución a este tema. Desgraciadamente non podían ocupar a nosa praza e tampouco dispoñían de xogadoras que puidesen xogar na Unión Deportiva Ourense xa que estaban inscritos na liga de fútbol 7 de Vigo. Consumada a nosa retirada dende o club pasámoslle o listado das xogadoras que estaban adestrando con Rubén para que contactaran con elas.

Sempre buscamos, dentro das nosas posibilidades, fomentar e potenciar o fútbol feminino na provincial. Xunto co Rúa, iniciativa dos dous equipos, intentamos pór en marcha a Copa Deputación Feminina (sen apoio institucional de ningún tipo) chegando a xogar unha edición no Estadio do Couto. Tamén falamos por propia iniciativa coa Delegación da Federación Galega de Fútbol en Ourense para tratar de por en marcha unha competición de Fútbol 7 na provincia. Tampouco neste caso houbo resultados positivos. Tamén fixemos campañas de captación de rapazas para o fútbol base pero non obtivemos moito éxito, non soubemos chegar a elas e convencelas.

Tamén buscamos apoios no Concello de Ourense. Só obtivemos boas palabras e ningún feito. E as veces nin iso, xa que a concelleira de Igualdade nunca chegou a recibirnos. E, por suposto tamén nas empresas, obtendo tan só apoio de Lisardo Dorribo, Cafetería J&J, Pub Symbol, Cervexaría Áncora e TAR, as que lle agradecemos enormemente o apoio recibido.

Con este comunicado rematamos co tema pola nosa parte. Pero non podíamos deixar de aclarar as acusacións vertidas no seu comunicado por unha parte das xogadoras, e que se están a reflectir en diversos medios. Somos conscientes de que fixemos cousas mal e de que non tomamos en moitos casos as decisións adecuadas. Pero de iso a que se nos acuse de machistas e de ser, na práctica, os responsables da situación do fútbol feminino en Ourense dista un abismo.

Cando as xogadoras viñeron a pedirnos axuda en cen quilómetros a redonda tan só había un equipo de fútbol feminino en Monforte, e na provincia tan só había outro na Rúa. A día de hoxe, que nos saibamos, non existe equipo nin en Monforte nin na Rúa. Tan só xurdiu o Rosalía como escola de fútbol na tempada pasada.

Visto este panorama do fútbol feminino en Ourense parécenos totalmente inxusto, desproporcionado e inaceptable cargar deste xeito contra o único club que intentou nestes tres anos, cos seus erros, facer algo polo fútbol feminino neste concello ata o aparición a tempada pasada do Rosalía.

Por certo, e xa para rematar, o que si nos parece lamentable e inxusto e que algúns medios de comunicación non se preocuparan do fútbol feminino ata que xurdiu a retirada do equipo. Agora dedícanlle páxinas no periódico e falan do tema na radio, mágoa que non o fixeran antes para publicar as crónicas dos seus partidos e darlle promoción ao fútbol feminino.

La entrada Comunicado: Nota informativa sobre o equipo feminino se publicó primero en Unión Deportiva Ourense.


Enlace con la noticia original: Comunicado: Nota informativa sobre o equipo feminino

Mas noticias relacionadas