A penúltima xornada pecha con tres récords galegos

Publicado por: S.G.Pontevedra

O Circuito de Atletismo en Pista afronta á recta final. O XXIV Memorial Celso Mariño, a penúltima xornada, celebrouse o 21 de xuño. O conxunto de eventos están organizados pola Sociedad Gimnástica de Pontevedra, da man do Concello de Pontevedra e grazas ao patrocinio dos Supermercados FROIZ.

Os irmáns Daniel Chamosa e Antía Chamosa bateron un novo récord galego absoluto en 3000m marcha. O primoxénito fixo unha marca de 11:31.82; mentres que a máis nova parou o cronómetro en 12:27.95. Daniel Chamosa, ademais, vén de facer outra plusmarca autonómica en 5000ml. Obtívoo o pasado sábado no Campionato Galego Absoluto.

Tamén fixo unha nova mellor marca galega en categoría sub16 Hugo Casañas. O atleta do Clube Rías Baixas fixo en lanzamento de peso 17,22m.

Ademais, Pontevedra tamén foi testemuña dun triplo de marcas persoais por parte de atletas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, clube organizador. Son os rexistros que obtiveron Cristina Garrido en 100ml (12.07), que ademais tamén supón un novo récord do club; a catrocentista Eugenia Gil nos 800ml (2:12.09); e Marina Artemia Pérez en triplo salto (11,59m).

Outra marca salientable foi a que realizou Fernando Fariña, atleta das escolas do club de categoría sub14, ao superar o listón en salto de altura en 1,60m. Por último, Jacobo Soler (Grupoempleo Pamplona Atlético) e Sergio Rodríguez (Sociedad Gimnástica de Pontevedra) protagonizaron un dos momentos máis emocionantes co man a man que tiveron en 100ml e 200ml.

Na proba reina da velocidade, Jacobo baixou da barreira dos 11 segundos con 10.94; mentres que Sergio se quedou ás portas de conseguir ese obxectivo con 11.00. Nos 200ml, os dous estiveron por debaixo dos 22 segundos.

A última xornada do Circuito de Atletismo en Pista celebrarase o 7 de xullo no CGTD de Pontevedra. Trátase do XVLII Trofeo Virxe Peregrina.


Enlace con la noticia original: A penúltima xornada pecha con tres récords galegos

Mas noticias relacionadas