A Rúa acolle a gran festa do campo a través galego

Publicado por: F.G. Atletismo

Chega esta fin de semana ó Concello de A Rúa unha das citas máis importantes da tempada de campo a través na que presenciaremos unha boa cantidade de campionatos de Galicia nas súas distintas categorías e modalidades. Baixo unha participación de preto de novecentos atletas, iranse desenvolvendo ó longo da mañá cada un dos eventos programados a partir das 10.30 h. e no que a novidade máis importante será a disputa da primeira edición do campionato autonómico mixto por relevos.

A primeira das probas que abrirá esta macro xornada será o XXIII Memorial Alejando Lorenzo, reservado para as categorías menores de Sub10, Sub12 e Sub14  que arrincará as 10.30 horas da mañá. Nesta edición, preto de 500 atletas achegados de todas as partes da nosa Comunidade competirán sobre distancias que irán dende os 800 m. ata os 2.500 m. e no que poderemos ver as evolucións dos que no día de mañá estarán chamados a ser os novos referentes dunha modalidade con moito peso e importancia histórica no noso deporte.

Continuando cas distintas carreiras programadas, o Alejandro Lorenzo dará paso sobre as 12.05 horas, ó Campionato de Galicia Sub16 e Sub18 individual e por equipos na que contaremos con algúns dos atletas máis importantes que xa o ano pasado amosarían as súas credenciais. Entre eles se atopan Antón Martínez da Atlética Lucense, bronce no galego escolar Sub16 e Brais Picón do Fontes do Sar , gañador galego Sub14.

A debutante na categoría Sub16 feminina Carolina Santos do Ourense Atletismo parte a priori como unha das favoritas ó título nesta categoría ó igual que a tamén “nóvel” Laura Carracedo do A. Estrada, que estará na loita polas postos de honra.

Na categoría Sub18 masculina o indiscutible protagonista será de novo unha das xoias do atletismo galego, o atleta internacional de San Paio A Estrada El Medhi El Nabaoui que debería estar acompañado por Hugo García do R.C.Celta e por Martín Rivera do Ourense Atletismo como atletas importantes na loita polas medallas.

Non menos interesante será a carreira Sub18 feminina na que tomarán parte prácticamente a totalidade das medallistas galegas do ano pasado na Sub16 e Sub18 e na que se atopan Elsa Pena do At. Tui, Carla Guisande do Beade, Noelia Sánchez do Friol, así como Paula de la Torre e Blanca Armenteiros da Gimnástica.

Por último, a xornada atlética pechará as 13.45 horas ca saída da primeira edición correspondente ó Campionato de Galicia de relevos mixto. Neste formato, na que os equipos están compostos por dous homes e dúas mulleres, a emoción estará garantida ca presenza de doce equipos entre os cales se atopan tanto a Sociedad Gimnástica de Pontevedra  (con Manuel Hurtado, Carlos Porto, Eva Cid e Inés Castaño) e o ADAS Proinor  (Alejo Ares, Iván Roade, Sandra Mosquera e Joana Monteiro) cuxa loita será sen lugar a dúbidas, un dos pratos fortes da xornada.

Relación atletas inscritos

 

O artigo A Rúa acolle a gran festa do campo a través galego publicouse primeiro en Federación Galega de Atletismo.


Enlace con la noticia original: A Rúa acolle a gran festa do campo a través galego

Mas noticias relacionadas