Publicado por: S.G.Pontevedra
O atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, Carlos Porto, estará na edición número 43 do Gran Fondo Caixabank.
Continúanse inscribindo atletas no Gran Fondo Caixabank. Un dos últimos en anotarse é o atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, Carlos Porto.
O fondista, campión galego absoluto en múltiples ocasións e en diversas probas e distancias, ten como mellores rexistros na distancia de 10km 30:23 e nos 5km fixo 14:21.
É un dos que marca este evento deportivo como unha cita imprescindible no seu calendario. Xa sabe o que é subirse ao máis alto do podio no Gran Fondo. En 2021 foi o gañador na distancia dos 10km. Noutras edicións probou a distancia do medio maratón, aínda que sen ser quen de chegar á meta nos tres primeiros postos. Este ano pode ser a súa primeira vez.
As inscricións nesta competición faranse dende a páxina web do Gran Fondo Caixabank ou a través da plataforma de Champion Chip Norte.
Lembramos que hai prazas limitadas. Para a distancia do medio maratón quedan 450 ocos dispoñibles tras ter arredor de 750 persoas inscritas; nos 10km hai case 300 participantes de momento e faltan 260 prazas por cubrir. Por último, nas carreiras de menores aínda quedan 260 prazas libres.
Tamén hai que ter en conta que as inscricións están no segundo prazo en relación ao custo para anotarse. Durante o mes de outubro as inscricións para as carreiras absolutas aumentan de prezo; polo que nestas semanas espérase un aumento considerable do número de participantes en ambas distancias do Gran Fondo Caixabank.
Enlace con la noticia original: Carlos Porto participará no medio maratón do Gran Fondo Caixabank