GRANDES RESULTADOS NO AUTONÓMICO SUB23 DE PISTA CUBERTA (19 xaneiro, Ourense)

Publicado por: Lucus Atletismo

O pasado domingo 19 de xaneiro repetimos o desprazamento ata Ourense para disputar o CAMPIONATO DE GALICIA SUB23 DE PISTA CUBERTA, onde os/as atletas do Lucus Caixa Rural Galega tomaban parte nas súas especialidades. O Campionato, que ocuparía a xornada da tarde, remataba con grandes resultados individuais, medallas e mínimas nacionais para ir aos Campionatos de España.

Xabier Rodríguez e Laura Santos.

O primeiro da xornada sería Xavier Esteban no salto de altura, que finalizaba o concurso cun rexistro de 1.88 metros, conseguindo a medalla de ouro e superando de novo os 1.85 m., manténdose na súa MMP. O noso especialista en valos, Santiago Rozas, faríase coa medalla de ouro nos 60 metros valados e un gran tempo de 8.67, que supón o seu billete para o Campionato de España SUB23 de pista cuberta. Tamén repetiría medalla de prata nos 60 metros lisos e nos 200 m. l., logo de rexistrar 7.39 na primeira das probas e 23.40 na segunda, actualizando a súa mellor marca da tempada e persoal.

En canto ao fondo, Xabier Rodríguez e Laura Santos serían os representantes do Club nos 3.000 metros lisos. Detendo o cronómetro nos 9:05.06, Xabier mantiña un segundo posto que lle concedía a medalla de prata da proba e actualizaba a súa MMP, baixando en máis de 15 segundos o seu anterior tempo. Pola súa parte Laura, quen semanas atrás xa conseguira a mínima para o campionato nacional na proba dos 1.500 m. l., lograba o primeiro posto da carreira e a medalla de ouro, cun gran rexistro de 9:58.49 que lle permite tomar parte no Campionato de España SUB23, a súa segunda mínima nacional en poucas semanas.

En resumo, gran xornada a deste Campionato de Galicia con pleno de podios para os/as nosos/as representantes, que voltaron con seis medallas das seis posibles e moi bos rexistros. Tedes os resultados completos no enlace posterior e algunhas imaxes.

[See image gallery at www.atletismolucus.org]

NORABOA Á CAMPIOA E AOS CAMPIÓNS!

 

 


Enlace con la noticia original: GRANDES RESULTADOS NO AUTONÓMICO SUB23 DE PISTA CUBERTA (19 xaneiro, Ourense)

Mas noticias relacionadas