Publicado por: Lucus Atletismo
Máis resultados dos campionatos de campo a través que se celebraron esta fin de semana! O domingo era tamén a quenda para as categorías SUB10, SUB12, SUB14 e SUB16, que se daban cita no circuíto de Vilalba para disputar o CAMPIONATO PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS, a derradeira fase previa á competición autonómica, que terá lugar na localidade ourensá o vindeiro 24 de febreiro.
Nunha mañá na que a néboa compartía o protagonismo cos nosos e as nosas atletas, os distintos equipos que superaron a fase clasificatoria tomaban parte nas correspondentes carreiras, deixando a pel en cada paso co obxectivo conxunto de obter o pase ao Campionato Galego. Os primeiros serían os dous equipos femininos da categoría SUB12, que remataban os algo máis de 1.000 metros de percorrido con bos resultados e moi boas sensacións, obtendo o primeiro posto do podio para un deles, cun total de 24 puntos e a sétima posición para o segundo, con 84 puntos en conxunto. Ás portas quedaban os rapaces, que empataban co terceiro posto pero remataban na cuarta posición da clasificación xeral, sumando 56 puntos entre os catros primeiros chegados a meta.
Na categoría SUB14, o equipo masculino igualaba a clasificación dos alevíns, quedando no cuarto posto con 53 puntos, moi preto de recoller as medallas de bronce no podio; as que si conseguirían as rapazas, que con 54 puntos lograban ser as terceiras clasificadas por equipos.
Tamén brillantes foron os resultados na categoría SUB16, na que os equipos maiores do club amosaron a súa valentía nas carreiras de dous e catro mil metros, no caso das femininas e dos masculinos, respectivamente. O equipo masculino facíase co bronce, subindo ao terceiro posto do podio cun total de 28 puntos; mentres que os dous femininos unían as súas forzas, conseguindo a primeira posición do podio, con 20 puntos e a quinta, cunha puntuación de 55 na clasificación global.
Como de costume, aquí tedes os resultados completos da xornada e, nos próximos días, iremos engadindo máis imaxes das auténticas e dos auténticos protagonistas, estes/as grandes atletas que amosan a súa coraxe e esforzo nestas probas competitivas, pero con gran unión de grupo.
VÉMONOS NO CAMPIONATO GALEGO, NORABOA EQUIPOS!!
Enlace con la noticia original: RESULTADOS do CAMPIONATO PROVINCIAL CAMPO A TRAVÉS – XOGADE (3 febreiro, Vilalba)