A choiva apropiouse da Xaxanbike 2018 en Marin

Publicado por: F.G. Ciclismo

Deslucido se pero non por iso con menos intensidade disputouse no monte de Xaxán de Marín unha nova xornada do calendario de competición de btt XCO, a Xaxanbike 2018 que organiza o club ciclista Marín. Choiva, barro e frio en pleno xuño para converter a modalidade montañeira nunha sorte de ciclocrós de verán.

A actividade ciclista iniciouse cunha matinal dedicada ao mini btt e xa pola tarde e sobre o mesmo escenario a quenda para os maiores na que foi penúltima proba da Copa Galicia. Longo e esixente circuíto o preparado polo Marín que se foi complicando a medida que se sucedían as voltas. Baixo a choiva inclemente as circunstancias do trazado motivaron numerosas avarías e con elas as retiradas dun bo número de participantes.

Aínda que na nómina de resultados non se produciron grandes sorpresas, nalgunhas categorías como a cadete, a ausencia do lesionado Xoel Montes deixa agora moi aberta a loita polo triunfo na Copa.

Agradable sorpresa foi contar con Iván Feijoo (Maceda) na carreira sub23. O allaricense foi terceiro absoluto en Marín cando apenas competiu desde que finalizou a tempada invernal. Sorpresa pero menor foi a vitoria da nova cadete do Farto, Laura Capa que no seu primeiro ano de categoría é capaz de relacionarse e gañar a rivais da talla de Noela Saa (Maceda). Tamén a grovense Lara Lois (Extol) mostrouse intratable nunha categoría absoluta de moitos kilates na que se impuxo á sub23 local Irene Trabazo (Marín) e á campioa Lucía Vázquez (Prorebordosa).

A última cita da Copa terá lugar coa celebración do Trofeo Concello de Maceda o próximo 16 de xuño.

Foto ©Yaiza FP


Enlace con la noticia original: A choiva apropiouse da Xaxanbike 2018 en Marin

Mas noticias relacionadas