A Copa Galicia Enduro abriuse con dominio de Marco Veiga e récord de participación na Picaraña

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Un especialista no Descenso comeza mandando na Copa Galicia Enduro. O elite Marco Veiga (CiclosQuintena)  anotouse o triunfo este domingo en Ponteareas na apertura do puxante certame autonómico. A proba organizada pola ADC Picaraña bateu o seu récord de participación con 256 inscritos. 

A Copa desta modalidade do BTT chega este ano cargada de novidades. Nunca antes constara de sete xornadas puntuables, estrea a categoría de parellas, introduce a clasificación por equipos… e conta con incorporacións de nivel na nómina de riders como a de Veiga. O vixente campión de Galicia de Descenso presentouse ao grande no calendario galego de Enduro. 

Despois de debutar nesta disciplina dúas semana antes no Open de España de La Adrada, o naronés soubo adaptarse a un percorrido enlamado polas chuvias caídas nas horas previas e durante a competición. O do CiclosQuintena marcou o mellor tempo en tres dos catro parciais cronometrados. 

"Non coñecía este monte e os treitos gustáronme moito. A chuvia cambiou por completo as condicións do terreo. Púxose moi complicado. Nas zonas máis técnicas esvarábase moito máis e físicamente fíxose máis duro. Souben manter a presión que meteron os rivais e fun dosificando", sinalou Veiga. 

O vencedor impúxose cun tempo final de 16 minutos e 52 segundos. Os tres primeiros clasificados na táboa scratch foron corredores da categoría elite. Mauro González (Salvaterra) rematou segundo a 15" e Pablo Míguez (Bici Verde), terceiro a 30" de Veiga.

Isabel Castro

O primeiro posto entre as mulleres quedou no concello anfitrión. A elite ponteareá Isabel Castro (Condado Bike) superou no man a man á máster-30 Gabi Ferraz (Terras do Bouro). No resto de categorías subiron ao máis alto do podio e recibiron os seus maillots de líderes da Copa a cadete Alba Caínzos (Pulpeiros), o cadete André Martínez (Avanza), o júnior David Fernández (Avanza), o sub-23 Joel Antón (Bici O Con), o máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko), o máster-40 José Manuel López Vaqueiro (VK Bikes) e o máster-50 José Manuel Romero (+Enduro).

A táboa por equipos ten como primeiro triunfador da súa historia ao Bici Verde, mentres que Alejandro Juncal e Iván Freire tiveron a honra de abrir o palmarés da competición por parellas. Nas outras categorías que están ao marxe da Copa venceron David Pazos (Rocasport) nas E-Bikes e Serafín Rodríguez (Bici O Con) entre os amateurs. 

A entrega de premios contou coa presenza de Chus Garrote, tenente alcalde de Ponteareas; Miguel Bouzó, concelleiro de Mocidade; José Pose, presidente da ADC Picaraña; Carlos Portas, patrocinador do evento; Óscar Sánchez, directivo da Federación Galega de Ciclismo (FGC) e Begoña Carpinteiro, secretaria da FGC. A Copa regresará o 29 de marzo coa Baixomiño Enduro Experience.

Foto: Yaiza Fernández Pérez

Documentos: 

Enlace con la noticia original: A Copa Galicia Enduro abriuse con dominio de Marco Veiga e récord de participación na Picaraña

Mas noticias relacionadas