Alves enfundouse en Carballo a primeira camisola de líder da Copa Galicia de Estrada Júnior

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

A segunda e definitiva xornada da Challenge de Carballo abriu o calendario da Copa Galicia de Estrada Júnior e a primeira camisola de líder marchouse para Portugal. Marco Antonio Alves (Tensai) foi o vencedor do Trofeo Carballo. O luso impúxose ao esprint nun grupo de seis unidades por diante de Guillermo Fernández (Ciudad de Oviedo) e Manuel Rodríguez (Ponteareas).

O percorrido de 89 quilómetros deseñado polo Club Ciclista Carballo arrancou na Gran Vía da capital de Bergantiños e levou aos corredores por outras  zonas de Carballo, Coristanco, Rus, San Paio, Cereo e Agualada. A chuvia, a diferenza da xornada anterior, non fixo acto de presenza e a carreira resolveuse nos últimos 40 quilómetros. 

As diferenzas na liña de meta foron mínimas. Os seis primeiros (Alves, Fernández, Rodríguez, Roberto Gallo (Recambios Callejo), Miguel Ángel Muñoz (OID) e Flavio Ortiz (Pindal) ) chegaron  con sete segundos sobre Rui Alves (Barcelos) e Jorge Portillo (Ciudad de Oviedo). A 36" rematou un segundo grupo formado por once ciclistas. 

Coa xeral da Challenge fíxose o cántabro Ortiz, gañador do segundo sector do sábado. No primeiro, unha contrarreloxo individual, triunfara Pablo Carrascosa (OID).

A Copa Galicia regresará o 9 de xuño coa Ruta do Albariño en Cambados. 

Foto: La Voz de Galicia

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Alves enfundouse en Carballo a primeira camisola de líder da Copa Galicia de Estrada Júnior

Mas noticias relacionadas