Barro e gloria para Rubén Atrio e Lara Lois na Viveiro Bike Xtreme da Copa Galicia BTT Maratón

Publicado por: F.G. Ciclismo

A Viveiro Bike Xtreme do 2018 fixo máis honra que nunca ao seu nome. A segunda xornada da Copa Galicia BTT Maratón estivo marcada polas adversas condicións atmosféricas. Unha proba realmente extrema pola Mariña Lucense na que o máster-30 Rubén Atrio (Arcadecycles) e a elite Lara Lois (Extol – La Gramola Team) asinaron dous triunfos cheos de barro e de épica.

A Peña Ciclista Lar organizou este evento que reuniu a 207 bikers na liña de saída da Praza Maior de Viveiro. Despois de 65 kilómetros, con 2.500 metros de desnivel acumulado, tamén subiron ao máis alto do podio como gañadores das súas categorías Esteban Sánchez (Extol – La Gramola Team) nos elites, Silvia Blanco (BH Factory) nas masters-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) e Ana González (Extol – La Gramola Team) en máster-40 e José Manuel Pérez (Castropol Deporte) nos masters-50/60.

Os participantes podían escoller entre a distancia curta da marcha cicloturista e o percorrido longo da competición puntuable para a Copa Galicia BTT Maratón. Dos 155 corredores que se decantaron pola segunda opción, conseguiron alcanzar a liña de meta 119. Entre os abandonos destacou o de Javier Busto (Extol – La Gramola Team), un dos grandes favoritos, que se viu obrigado a baixarse da bicicleta por problemas físicos.

Desenlace ao sprint

Malia a dureza do trazado, houbo que esperar ata os últimos metros para coñecer ao vencedor absoluto. Rubén Atrio e Esteban Sánchez xogáronse o triunfo ao sprint e o líder máster-30 ergueu os brazos con 2” de vantaxe, detendo o reloxo en 3:25:33. O premio para o segundo clasificado foi asaltar o primeiro posto do ranking elite do certame autonómico.

 A case 7’ chegou o líder máster-40 Alejandro Trasbach, que se fixo coa terceira praza ao superar noutro final axustado ao elite Brandan Márquez (Tres Lunas Valdeorras). Pola súa banda, José Manuel Pérez repetiu o éxito da primeira xornada entre os masters-50/60.

Máis incontestable resultou a vitoria de Lara Lois na carreira feminina. A grovense do Extol – La Gramola Team reforzou o seu liderado completando o percorrido nun tempo de 4:32:29. O segundo posto correspondeulle a súa compañeira de equipo Ana González, que regresaba ao calendario autonómico, e foi a máis forte entre as masters (5:06:11) por diante de Isabel Picoaga. A do 7 Voltas (5:14:52) rematou terceira na táboa absoluta e mantivo o seu maillot de primeira na xeral da súa categoría.

Os gañadores da xornada e os líderes da Copa Galicia BTT Maratón foron coroados nunha entrega de premios que contou coa presenza de Jesús Fernández Cal, primeiro tenente alcalde de Viveiro; Lara Fernández Fernández- Noriega, concelleira de Cultura, Muller e Igualdade; José Manuel Pernas, presidente do Gráficas Lara; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

O seguinte desafío deste certame chegará o 29 de abril co Maratón Estaciones Vivas na localidade ourensá de Baños de Molgas.

Clasificacións


Enlace con la noticia original: Barro e gloria para Rubén Atrio e Lara Lois na Viveiro Bike Xtreme da Copa Galicia BTT Maratón

Mas noticias relacionadas