Carlos Canal vence e Lara Lois acada a segunda praza na sentenza de Pablo Rodríguez do Open de España XCO

Publicado por: F.G. Ciclismo

Por terceiro ano consecutivo Pablo Rodríguez ( Primaflor-Mondraker) acabará no máis alto da clasificación Elite do Open de España de Cross Country Olímpico (XCO) Cofidis. Na penúltima proba puntuable, o ourensán sentenciou a xeral final da categoría raíña masculina conseguindo a segunda praza en Caudete. O BTT galego festexou outros dous podios neste circuíto albaceteño: Carlos Canal (Academia Postal – Maceda) venceu na carreira júnior e Lara Lois (Extol – La Gramola Team) rematou segunda nas elites. 

A presenza na liña de saída de Sergio Mantecón foi a novidade máis relevante dunha xornada chamada a confirmar a consecución do título no Open do macedán Rodríguez. Tanto o biker do Primaflor- Mondraker como o do conxunto Kross, habituais da Selección Española e das probas da Copa do Mundo, abriron oco desde o inicio para aclarar que a vitoria en Caudete era cuestión dos dous. Só o sub23 alaricano Iván Feijoo (Academia Postal – Maceda) , que despois se viu obrigado ao abandono por unha picada, puido resistir os primeiros envites de Rodríguez e Mantecón, que rodaron roda con roda ata a última volta. 

No treito final o cántabro soltou de roda ao ourensán e cruzou a liña de meta con 15 segundos de vantaxe. Este resultado confirmou o triunfo de Rodríguez no ránking final, revalidando o título conseguido no 2017 e no 2018. 

Decimoterceiro nesta carreira Pro concluíu Pablo Álvarez e ao biker do Cambre correspondeulle a quinta praza entre os sub23.

Na competición júnior, o invicto Carlos Canal, volveu protagonizar outra exhibición máis para facerse co triunfo e demostrar que pertence por pleno dereito á elite internacional do XCO na súa categoría. O limiao avantaxou en 2’30” a Alberto Barrosa, segundo, e en 2’44” a Juan Luís Pérez, terceiro, nunha proba que dominou de principio a fin e que o consolida aínda máis no liderado. 

Tampouco deu opción ás súas rivais Janika Loiv na carreira Elite feminina. A 5 minutos da estonia finalizou Lara Lois, que se impuxo no duelo pola segunda praza a María Rodríguez. A grovense, terceira no ecuador da carreira, acabou distanciándose en 2 minutos e 15 segundos da sub23 andaluza. A representante do Extol – La Gramola Team ascende á terceira posición na xeral. 

Os outros Top-10 galegos rubricáronos Miguel Rodríguez (Ponteareas), quinto nos cadetes, e Andrea García (Academia Postal – Maceda), décima nas juniors. O Open de España XCO pecharase o 30 de xuño no Gran Premio Alcalá de Henares (Madrid).

 

Máis información


Enlace con la noticia original: Carlos Canal vence e Lara Lois acada a segunda praza na sentenza de Pablo Rodríguez do Open de España XCO

Mas noticias relacionadas