Xunqueira de Espadanedo decide por partida dobre os títulos galegos de Descenso

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Chega a cita definitiva e máis importante da temporada galega de Descenso. Nunha baixada de 2,5 quilómetros poranse en xogo este domingo os títulos do Campionato de Galicia DHI e os maillots finais da Copa autonómica. O circuíto da localidade ourensá de Xunqueira de Espadanedo exercerá de xuíz por partida dobre. 

O percorrido leva o selo do Clube Ciclista Maceda e acumula 500 metros de desnivel positivo. Os pilotos que non o coñecen terán a oportunidade de descubrilo na xornada de adestramentos do sábado, entre as 15:00 horas e as 19:00. 

A competición queda para o domingo, cando dende a liña de saída do Monte Meda se lancen preto dun centenar de riders buscando a meta en Pardeconde. A quenda clasificatoria arrancará ás 11:00 horas, sendo Juan José Coego o encargado de abrila e Marco Veiga, de pechala. A final está fixada para as 12:30. 

Os máis rápidos en Xunqueira serán coroados como campións de Galicia 2019 desta modalidade de BTT e, por outra banda, os resultados resolverán os rankings da Copa. Despois das probas celebradas en Marín e no Páramo, as clasificacións das nove categorías aínda non teñen gañador final. 

Os maillots de líderes defenderanos nesta terceira e última xornada: Borja Fernández (Coruxo) nos cadetes, Senén Bastos (Avanza) nos juniors, Kevin Méndez (Rocasport) nos sub-23, Abel Rial (Compostelano) nos elites, Fany Cabarcos (BDM Bike Club) nas mulleres, Manuel Pellón (BDM Bike) nos masters-30, Miguel Ángel Pintos (Traviesas) nos masters-40 e Manuel Paz (Compostelano) nos masters-50. 

 

 


Enlace con la noticia original: Xunqueira de Espadanedo decide por partida dobre os títulos galegos de Descenso

Mas noticias relacionadas