Dominio portugués na Ruta do Albariño con triunfo na última etapa para Martin Soutullo (Carballo)

Publicado por: F.G. Ciclismo

Martín Soutullo, o ciclista júnior do Carballo foi o vencedor no sprint masivo da terceira e definitiva etapa da VI Ruta do Albariño disputada en Cambados. O portugués Daniel Noreña (Bairrada) acabou como gañador final da serie tras administrar a renda de tempo obtida na cronoescalada do primeiro día.

Cambados albergou a última xornada cun trazado esixente de 92 quilómetros e catro pasos polo alto de Padrenda de terceira categoría que estaban chamados a ser o escenario de intentos de romper a hexemonía do líder. Os intentos de fuga producíronse desde o primeiro instante aínda que ningunha chegou a alcanzar o minuto de diferenza aínda que foron elevando a media ata os 41 quilómetros por hora finais. A escuadra do Bairrada controlou en todo momento as distancias sabendo que a excepción do tamén portugués Helder Gonçalves ( Seissa), a dez segundos do primeiro clasificado, o resto de rivais atopábanse a medio minuto de diferenza.

Con esta cómoda vantaxe e a fortaleza do equipo de Noreña a pelexa centrouse nos premios de meta volante e a montaña que serían finalmente para Rodrigo Caixas (Bairrada) e Rafael Torres (Seissa, respectivamente.

A destacada participación galega saldouse co triunfo na segunda etapa de Jorge Suárez ( Cidade de Lugo) que sería o vencedor final da clasificación dos galegos.

Pola súa banda, a vitoria na meta de Cambados de Martín Soutullo permítelle facerse coa camisola de líder da Copa Galicia de estrada da categoría júnior.


Enlace con la noticia original: Dominio portugués na Ruta do Albariño con triunfo na última etapa para Martin Soutullo (Carballo)

Mas noticias relacionadas