Os líderes do Trofeo Federación XCO non deron opción na Cañiza

Publicado por: F.G. Ciclismo

A chuvia foi fiel a súa cita co Trofeo Federación de Cross Country Olímpico (XCO) e tampouco se quixo perder a terceira xornada. Esta vez incluso se presentou en forma  de tormenta para dar a benvida ao calendario autonómico ao Trofeo Grupetta Pan de Zarko – Concello da Cañiza. A primeira edición desta proba en territorio pontevedrés estivo marcada polo barro e polo dominio dos líderes do certame autonómico.

Os portadores dos maillots de primeiros clasificados nos rankings estiveron a piques de asinar un pleno de triunfos. Jorge Punzón (Prebentong) e Nuria Senra (Eskornabois) venceron en elites; Raúl González (Academia Postal – Actyon – MMR) nos sub23, Laura Capa (Farto) e Xoel Montes (AD Avanza) en cadetes, Alba Arias (Arteixo MB3) e Roi López (Compostelano) en juniors, , Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos masters-40 e Manuel Castro (Barbanzabike) nos masters-50/60. 

A única excepción chegou nos masters-30 co triunfo de Aquiles Sordo (Caimanes de Betanzos), aínda que o líder Juan José Chapela (Master Morrazo) defendeu con éxito a súa privilexiada posición na xeral ao rematar terceiro. Un total de 106 bikers reuníronse na liña de saída do campo de fútbol de Augas Férreas para participar no estreo como anfitrións do clube organizador, da Grupetta Pan de Zarko. 

Punzón, con solvencia

Na carreira raíña deste evento a emoción centrouse na loita polo terceiro posto na clasificación absoluta. Un pulso no que o elite Alberto Pedreira (Bici Verde) impúxose por 23 segundos ao sub23 Raúl González. Por diante deles, Jorge Punzón inaugurou con solvencia o seu casilleiro de victorias nesta campaña. O líder elite ergueu os brazos despois de 1 hora 21 minutos e 27 segundos de esforzos. A 2:52 do gañador cruzou a liña de meta Daniel Rodríguez (Quebici-Marcisport), segundo clasificado. 

A terceira xornada do Trofeo Federación pechouse coa cerimonia de podio na que participaron Miguel Domínguez, alcalde da Cañiza; Carlos Rincón, concelleiro de Deportes; Tito Ramírez, presidente da Grupetta Pan de Zarko; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

O XCO autonómico celebrará a vindeira fin de semana a primeira proba puntuable para a Copa Galicia en Poio e o Trofeo Federación regresará o 12 de maio co II XCO Concello de Piñor. 

Foto: Luz Iglesias

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Os líderes do Trofeo Federación XCO non deron opción na Cañiza

Mas noticias relacionadas