José Luis López Cerrón: "Pontevedra está apostando forte polo ciclocrós"

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

O presidente da Real Federación Española de Ciclismo e membro do Comité Director da Unión Ciclista Internacional fai balance da cita celebrada durante a fin de semana na Illa das Esculturas.

-¿Que sabor de boca lle deixou a segunda edición consecutiva do Campionato de España de Ciclocrós en Pontevedra?

-A todo o mundo lle encantou o sitio, o circuíto e tamén foi extraordinario o tempo que nos acompañou. É a primeira vez que organizamos dous campionatos de España seguidos na mesma sede e a xente quedou encantada por ter regresado a Pontevedra. Ademais, non hai que esquecer que en decembro tamén celebramos aquí unha proba da Copa de España.

– Destacaría algunha novidade respecto ás dúas anteriores citas na Illa das Esculturas?

-Variouse o circuíto e a acollida foi boa. Non oín ningunha protesta polo novo trazado. Se lle engadimos que acompañou a climatoloxía con estes días solleiros, non podemos pedir máis porque existe a idea xeneralizada de que se vés a Galicia vaste mollar…

– Como valora o dato de participación?

-Houbo un récord de participación nun Campionato de España. Levamos uns anos que o  ciclocrós está a coller outra vez un gran auxe. Estamos a velo tempada tras tempada. En tres ou catro anos pasamos a de 300 participantes a 800 este ano. Iso quéreo dicir todo.

– A cidade Pontevedra está a envorcarse co  ciclocrós.

-Si, está a apostar forte polo  ciclocrós. Así tamén nolo transmitiron desde o concello e as autoridades deportivas. A tempada que vén van pedir unha proba de categoría superior, unha  C1 internacional. A vista está posta en ter unha Copa do Mundo de  ciclocrós en anos vindeiros e oxalá tamén se poida traer un Campionato do Mundo.

– Pódese afirmar que agora mesmo Pontevedra é a referencia do ciclocrós en España?

-Si, coas probas que organizou nestes dous anos, podemos dicir que é un pouco a cidade do  ciclocrós. As autoridades viron que é un deporte espectacular e que colleu moito auxe. Ademais, arrastra a moita xente porque podes percorrer todo o circuíto para seguir as probas e pasalo ben animando aos corredores en varios sitios. Por tanto, que unha cidade apostase por este deporte tamén é importante para nós.

– Que lle pareceu a estrea da Carreira Inclusiva?

-Unha boa iniciativa. É importante que o deporte inclusivo, o que na federación chamamos deporte adaptado, estea completamente integrado e poida acceder a estas competicións. O mesmo podemos dicir da Carreira de Promoción, similar á Volta Júnior que se organiza con motivo da Volta a España. O obxectivo é que a xente se afeccione e practique deporte.

– Como ve á selección española de fronte ao próximo Mundial de  ciclocrós en Suíza?

-O noso nivel subiu moito nos últimos anos, aínda que aínda nos falta un pouquiño para loitar polas medallas. Este ano imos bater o noso récord con 21  ó 22 ciclistas no Campionato do Mundo. Iso vén derivado do interese que xera o ciclocrós e da participación que hai. Oxalá nun futuro próximo empecemos a sacar medallas. 


Enlace con la noticia original: José Luis López Cerrón: "Pontevedra está apostando forte polo ciclocrós"

Mas noticias relacionadas