Lara Lois e Brandán Márquez proclamáronse campións de Galicia XCM na Lalín Bike Race

Publicado por: F.G. Ciclismo

A cuarta edición da Lalín Bike Race tivo valor dobre. A cita organizada polo Extol-La Gramola Team e o Montes do Deza exerceu de Campionato de Galicia de Cross Country Maratón (XCM)  e de clausura do Open de España desta modalidade. Os sete bikers que se fixeron cos títulos autonómicos tamén ocuparon postos de podio na proba puntuable para o certame estatal. 

Lara Lois (Extol-La Gramola Team) foi a raíña deste evento. Nos 90 quilómetros de percorrido, con máis de 2.800 metros de desnivel acumulado, a corredora elite do Grove proclamouse campioa de Galicia e sumou a súa cuarta vitoria da temporada no Open de España cun tempo de 4 horas 26 minutos e 53 segundos. En ambas clasificacións, a segunda posición correspondeulle a Susana Alonso (Tres Lunas Quereño), que rematou a 16:25 da gañadora. Co bronce autonómico fíxose Nuria Senra (Eskornabois), quinta na Lalín Bike Race. 

Brandán Márquez (Tres Lunas Quereño) adxudicouse a coroa elite galega tras finalizar terceiro na capital do Deza. O vigués, que detivo o reloxo en 4:16:41, superou a dous representantes do conxunto anfitrión. Esteban Sánchez colgouse a prata entrando quinto na liña de meta a 2:29 do primeiro galego e Javier Busto obtivo o bronce tras acadar a sexta praza na táboa absoluta da carreira. 

O segundo dobrete do Extol-La Gramola Team asinouno Fernando Guerra: impúxose na categoría máster-30 e vestiuse co maillot de campión de Galicia. No podio autonómico estivo escoltado por Manuel Casuso (Avelaíñas) e Ramón Lamas (Estralos), segundo e terceiro respectivamente. 

En canto ás máster-30, Silvia Blanco (Avelaíñas) subiu ao terceiro chanzo no caixón da carreira e ao máis alto no do Campionato de Galicia, onde estivo acompañada por Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas)

O título máster-40 non se lle escapou a Alejandro Trasbach (Racing Cycling). O boirense, terceiro na Lalín Bike Race, situouse xusto por enriba de Miguel Arias (Extol-La Gramola Team) en ambas clasificacións. Terceiro na do campionato concluíu Marcos Montes (Xesteiras). 

As dúas representantes autonómicas máster-40 que completaron o percorrido conseguiron prazas de podio. O segundo posto de Ana González (Mitto) outorgoulle o maillot de  campioa de Galicia ao impoñerse a Isabel Picoaga (7 Voltas).

Por último, Francisco Xavier López encabezou o pleno galego nos máster-50. O do MTC Team superou a José Ramón Castelo (Barbanzabike), segundo, e a Carlos Otero (BTT Fene), terceiro. 

 

Open de España

Outros tres galegos conquistaron posicións de podio na Lalín Bike Race, pero nas súas categorías non se cumpriu o mínimo de inscritos estipulados na Normativa Técnica da Federación Galega de Ciclismo (FGC) para a celebración do campionato autonómico. Constantino Arias (Tres Lunas Quereño) terminou terceiro nos máster-60, Estefan González (Burgas Bike) terceiro nos sub23 e Irene Trabazo (XSM) venceu nas sub23.

O triunfo da marinense si que lle serviu para recibir a camisola de gañadora do Open de España Sub23. Levouse o título igualada na xeral final a 200 puntos con Silvia Roura (Esteve).

A este peche do certame estatal xa chegara co primeiro posto garantido no seu ranking Lara Lois. A elite do Extol-La Gramola Team, vencedora en catro das cinco xornadas disputadas, liderou a táboa definitiva con 273 puntos de vantaxe sobre Desiree Moya (Manzanares).

A estrutura do Deza tamén meteu entre os tres primeiros da súa categoría a Fernando Guerra, segundo na clasificación máster-30. A súa vitoria en casa non lle bastou para desbancar a Iván Vargas (Suraventura), que sumou 129 puntos máis que o galego. 

Foto: La Voz de Galicia

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Lara Lois e Brandán Márquez proclamáronse campións de Galicia XCM na Lalín Bike Race

Mas noticias relacionadas