Lestido impúxose na Clásica de Pascua e loce o primeiro maillot de líder da Copa Galicia

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

A terceira edición da Copa Galicia de Estrada abriuse este sábado con Martín Lestido (Supermercados Froiz), vencedor do certame autonómico o pasado ano, sendo profeta na súa terra. O corredor padronés impúxose na 57ª Clásica de Pascua. 

A proba organizada polo Club Ciclista Padronés-Aluminios Cortizo ten vida propia. Non é fácil de predicir o que pode suceder polos seus 125 quilómetros. Se o día está chuvioso pasa unha cousa, se loce o sol outra ben distinta… A edición deste ano presentábase cun cartel de luxo, cos mellores equipos galegos, asturianos, leoneses e ata cinco que chegaron desde Portugal.

Ás 14 horas dábase a saída dunha carreira na que se foi moi rápido desde o comezo. As típicas fugas temperás non frutificaban.

Pasado o ecuador da proba o pelotón seguía compacto a pesar dos numerosos intentos de fuga. O pelotón camiñaba a moita velocidade e era moi difícil marcharse. Tras pasar por Rianxo e volver a Padrón comezábanse os 17 kilometros dun circuíto de catro voltas que pasaba polo Alto de Formarís.

Os intentos de fuga non chegaban a ser nada máis que intentos, ata que na última volta seleccionábase a carreira cun corte no que se filtraban Raúl García de Mateos (Cortizo), Martín Lestido, Thomas Armstrong (Kuota), Ivan Treceño (Nesta) e Samuel Blanco (Rías Baixas). Os cinco corredores empezaron a abrir oco e a pesar do duro ataque de De Mateos subindo Formarís por última vez e que chegou a alcanzar unha vantaxe de 12 segundos, presentáronse con vantaxe nas rúas de Padrón.

Alí, Lestido tomou por dentro, arriscando moito, a perigosa curva que dá acceso á recta empedrada do espolón e arrincou uns metros que lle permitiron entrar en meta por diante de Thomas Armstrong e De Mateos. O primeiro sub-23, e polo tanto primeiro líder da Copa Galicia na súa categoría foi Aarón Mariño (Froiz), que entrou no pelotón que cruzou a liña de meta a 33 segundos do vencedor. 

Raúl González (Cortizo) gañou os sprints especiais e Armstrong as Metas Volantes. A montaña foi para Edwin Torres do equipo Kuota que levou tamén a clasificación por equipos.

Fonte: Club Ciclista Padronés 

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Lestido impúxose na Clásica de Pascua e loce o primeiro maillot de líder da Copa Galicia

Mas noticias relacionadas