Lizarte vence pola mínima na contra o reloxo por equipos inaugural da Volta a Galicia en Baiona

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Roger Adriá, corredor catalán do Lizarte, vestiuse na localidade pontevedresa de Baiona co primeiro maillot amarelo de líder da Volta a Galicia. A formación navarra impúxose por unha exigua diferenza nos 8,3 quilómetros de recorrido. O seu rexistro de 8:45 rebaixou nun segundo o asinado polo Kometa. O Supermercados Froiz rematou terceiro e como mellor conxunto galego.

O encargado de inaugurar a decimoitava edición da rolda autonómica foi o Kometa, e a estrutura da Fundación Contador ostentou durante máis de media hora o mellor rexistro. Once dos dezasete equipos que tomaron a saída cruzaron a liña de meta sen poder batir o rexistro do equipo madrileño, ata que completou a súa participación o Lizarte. Os navarros, líderes do ranking español sub23 e que a vindeira temporada contarán cun equipo profesional, rodaron a 51 quilómetro de media.

O grupo de cinco corredores do Lizarte que rematou co mesmo tempo entrou encabezado por Adriá. O seu director deportivo Mikel Ezkieta destacou que “á altura do segundo quilómetro o vento soplaba do mar e aos corredores fíxoselles moi duro. Foi un factor que influíu. Como en todas as carreiras vimos a dar o máximo posible e coa intención de disputar a xeral”.

A 9” dos vencedores finalizou o Supermercados Froiz, encabezado por Guillermo García. O sub23 pontevedrés foi o mellor galego da xornada. O Top-5 completouse con outros dous equipos que exercen de anfitrións. O Vigo-Rías Baixas concluíu cuarto, a 19”, e o Aluminios-Cortizo de Padrón, quinto a 25.

A nómina dos dez primeiros da xornada completárona o Bicicletas Rodríguez Extremadura (6º), Club Ciclista Vigués (7º), Gomur-Cantabria (8º), Gspor-Valencia (9º) e o Sicasal portugués (10º).

A entrega de premios que coroou aos gañadores e na que se entregaron as primeiras camisolas da Volta contou coa presenza de Gorka Gómez, deputado provincial de Deporte da Deputación de Pontevedra; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Miriam Costas, concelleira de Deportes e Cultura; Cristina Dosil, Concelleira Turismo de Baiona; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

Segunda xornada

A comarca do Val Miñor repetirá como escenario este venres na primeira cita coa montaña. De novo con Baiona como punto de partida e conclusión, o pelotón terá que completar 137 km. Os dous portos puntuables atópanse na segunda metade da xornada.

O Alto de Tebra (km 76), de 3ª categoría, exercerá de antesala do Alto da Groba, unha subida de once quilómetros e catalogada de 1ª, co seu cumio a 35 km da chegada. Os ciclistas empezarán a darlle aos pedais ás 13:30 horas e a chegada ás 17:15.

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Lizarte vence pola mínima na contra o reloxo por equipos inaugural da Volta a Galicia en Baiona

Mas noticias relacionadas