O circuíto da Illa das Esculturas estreará trazado no Campionato de España

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Mesmo escenario, pero repleto de novidades. O circuíto da Illa das Esculturas en Pontevedra pouco tivo que ver na Copa de España respecto ao Campionato de España de xaneiro de 2019 e para a vindeira gran cita estatal, o 11 e o 12 de xaneiro, prepara outra transformación. Con Alberto del Río, membro do staff organizativo do CX Pontevedra, analizamos con detalle os principais cambios.

Cambio de sentido

 A primeira e gran novidade é que os participantes no Campionato de España percorrerán a Illa das Esculturas no sentido contrario ás carreiras da Copa de España. Búscase un desafío diferente e o novo trazado resulta “máis técnico, máis revirado”.

A lonxitude do circuíto acúrtase, e pasa dos 3.500 metros aos 3.100. Elimináronse rectas e agora non se cruza ao outro lado da beira do río Lérez. No Campionato do 2019 cruzábase dúas veces e na Copa, unha. Mantense o ‘caracol’, que se fai no outro sentido.

Nova ponte e obstáculos

A organización creou para as probas do 11 e o 12 de xaneiro unha ponte feita de estrutura. Esta innovación realízase a imaxe e semellanza dos pasos elevados da Copa do Mundo. Ten 20 metros de longo e nese punto farase o cruce dos circuítos, nun momento pásase por enriba e noutro, por debaixo.

Vai estar situada onde se atopaban os obstáculos na Copa de España e estes, a súa vez, trasládanse a outra recta, provocando que se corte a velocidade. Unha dificultade engadida para os máis rodadores, que contarán con menos terreo para impoñer o seu golpe de pedal.

Punto clave

As zonas técnicas aumentan o seu peso na resolución das carreiras. De todos os puntos nos que os participantes deberán exhibir a súa condición de especialistas no ciclocrós, Alberto del Río elixe un como o máis determinante: “A ladeira, ao igual que na Copa de España. Dende alí xa se sae para a liña de meta”.

O nivel de dureza vano marcar as condicións meteorolóxicas. Se hai barro, tal e como aconteceu na Copa de España, será máis esixente que no Campionato estatal do 2019. A zona da universidade, pola existencia dun cano de auga, é onde máis lama se pode formar.

Barro

Haberá que estar moi pendentes da previsión meteorolóxica. Despois dun outono tremendamente húmido, o inverno comezou en Pontevedra con días secos. Durante esta semana previa aos Campionatos manterase esta tendencia, pero a chuvia pode volver nos días previos á competición.

Del Río calcula que o barro pode aparecer “nun 40% do circuíto”. Neses treitos a esixencia sería máxima polo desgaste que acumula o terreo na Illa das Esculturas: “A herba non se rexenerou dende a Copa de España. Se chove, vaise formar barro como se fose nunha veiga labrada. Os primeiros que entren xa se ven meter nunha fochanca”. No resto, aínda que a auga acompañe aos ciclistas e o terreo se poña moi esvaradío, pódese facer rodar a bicicleta porque son treitos de grava.

“Escenario excepcional”

A Illa das Esculturas reúne todas as condicións para a organización de calquera gran evento. “Dentro do ciclocrós non se poden ter máis cousas”, polas infraestrutura que hai ao redor (parking, duchas, cafeterías…) e pola proximidade dunha gran cidade como Pontevedra, a cinco minutos a pé, co seu atractivo turístico.

Neste “escenario excepcional” deben convivir os aspectos deportivos coa natureza e o coidado do medio ambiente: “O ciclocrós ten a mala sona de que por onde pasa, desfai. Cando son épocas de inverno, tarda máis en rexenerar. O impacto cara os cidadáns que gozan dese parque é moi grande e non é un bo exemplo. As accións que se están levando a cabo buscan que poidamos convivir todos”.  


Enlace con la noticia original: O circuíto da Illa das Esculturas estreará trazado no Campionato de España

Mas noticias relacionadas