O biker Pablo Rodríguez pon fin a tempada renunciando áo mundial de Suiza

Publicado por: F.G. Ciclismo

Os afeccionados sorprendéronse coa noticia de Pablo Rodríguez Guede ao anunciar no seu perfil de Facebook que non participaría no próximo Campionato do Mundo de Lenzerheide a pesar de estar convocado coa Selección Nacional Española.

O ciclista profesional macedano comunicou a súa decisión ao Seleccionador Nacional e tras un 2018 irregular en canto a resultados decidiu “co apoio do meu equipo, a Selección nacional e a miña familia, non viaxar a Suíza e poñer fin a este ciclo”, publicou en redes sociais.

Pablo Rodríguez atópase xa na súa casa de Maceda rodeado dos seus e seguro de que a decisión tomada foi a correcta. “Estou ben –confirma o  biker galego-  simplemente teño que recoñecer que non estou no meu mellor momento físico. Foi un ano complicado e con moitos problemas e por iso decidín non acudir ao Mundial. Está claro que esta cita non é unha proba onde ir pasar o intre así que o mellor era poñer o fin á tempada”.

A ausencia na cita mundialista foi unha postura valorada polo mundo do ciclismo como unha postura honrada que, con todo, non foi fácil de tomar para Pablo: “claro que non é fácil renunciar a un Mundial e ademais tendo en conta que se trata dunha carreira que é moi especial para min que a veño disputando de maneira ininterrompida desde 2010. Con todo, a tempada de  mountain  bike non che dá un respiro e este é un ano no que veño arrastrando malas sensacións que me obrigan a dar este paso”, declarou o  macedano.

O que fose Campión de Europa sub23 en 2015 confirmou que “o que está claro é que esta decisión víase vir porque en moitas fases do ano as pernas non me ían como quería e custábame acabar as carreiras. Talvez fun o último en darme conta desta circunstancia porque sempre son ambicioso e busco mellorar. Agora toda a miña contorna, os meus técnicos e compañeiros, o seleccionador apoiáronme e animado en dar este paso. Compañeiros como Mantecón dinme que non me preocupe, que estas cousas suceden xa que el tamén viviu momentos baixos de rendemento como o meu e logo recuperounos”.

O rendemento do “Afiador” en todas as probas disputadas de Copa do Mundo 2018 foron irregulares sen que existise unha explicación clara aínda que segundo el “acaso fose unha saturación de competicións e viaxes, quizais algo non fixemos ben na planificación ou seica é que fun ambicioso de máis”.

Nos últimos anos os afeccionados do ciclismo situaron ao ourensán como un dos principais candidatos para representar a España nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020, unha presión que tamén se deixou sentir nun deportista de 25 anos, a primeira perla da Escola de Btt de Maceda onde creceu inspirado pola figura do olímpico José Antonio Hermida: “o feito de estar arriba desgasta moito e neste ciclo tocaba descansar porque levo tres tempadas nas que todo pasou moi rápido. Desde sub23 con opcións de ir aos xogos, colleitando resultado internacionais, nos top ten nos mundiais e sempre esixíndome máis. Este ano o corpo dixo non” –recoñeceu o ciclista profesional galego.

Amparado polo agarimo dos seus, Pablo Rodríguez  Guede sabe que este é un punto e seguido do que sairá fortalecido consciente de que ten moito que achegar ao ciclismo español: “Agora toca  resetear e coller confianza pensando na próxima tempada.  Estes días aproveitarei para gozar da bicicleta que é o que máis me gusta pero sin presión. Logo farei un pequeno descanso para empezar no inverno coa preparación habitual”.

Que saiban que seguirei dando guerra e serei ambicioso ata o final –anuncia o de Maceda– Sei o que fixen e o que podo facer neste deporte no que aínda teño moita marxe para madurar como deportista”.

Estamos seguros delo.

Foto ©MMR Factory Team


Enlace con la noticia original: O biker Pablo Rodríguez pon fin a tempada renunciando áo mundial de Suiza

Mas noticias relacionadas