O ciclismo galego rendeu tributo aos seus heroes en A Estrada

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

Con preto dun centenar de recoñecementos a Gala do Ciclismo Galego 2018 convertiu este sábado á localidade pontevedresa da Estrada na capital autonómica da bicicleta. Os triunfadores a nivel deportivo durante o pasado ano e figuras históricas do ciclismo en Galicia desfilaron polo escenario do auditorio da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Unha festa na que ademais de rendirse tributo a campións de todas as idades, incidiuse sobre un tema vital para este colectivo como é o da seguridade viaria.

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestructuras e Mobilidade da Xunta de Galicia; José Ramón Lete; secretario Xeral de Deportes; Valentín García, director xeral de Política Lingüística; Chelo Besada, deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra; Javier Dios, deputado de Innovación e Promoción Económica; Antonio Leira; presidente da Comisión de Deportes da Deputación Provincial da Coruña; José López Campos, alcalde da Estrada; Ismael Pena, concelleiro de Deportes; Anxos Riveiro, concelleira de Deportes de Pontevedra; e Francisco Javier Molano, Tenente Coronel da Garda Civil, foron algunhas das autoridades que acudiron a este evento presidido por Juan Carlos Muñiz, máximo responsable da Federación Galega de Ciclismo.

Os 350 asistentes que se deron cita nas instalacións da AGASP gozaron coa música interpretada en directo polo grupo Broken Peach, nun acto que estivo conducido polo televisivo Terio Carrera.

Emotivas homenaxes

Entre as catorce Mencións Especiais que se entregaron as máis emotivas resultaron aquelas que recoñeceron brillantes traxectorias ligadas con este deporte. Ernesto Falcón recibiu o ‘Premio a unha Vida adicada ao ciclismo’, Antonio Marque o ‘Premio a unha Vida de Promoción do Ciclismo’, Mª Begoña Alonso o ‘Premio a unha Vida como Árbitro’, Javier de la Fuente e Manuel Lustres Nieto foron homenaxeados por ser exemplos de superación, e recordouse a figura do falecido Miguel Ángel Alonso Sierra.

Polos seus resultados acadados durante o 2018 as distincións recaeron en Alejandro Marque, Daniel López Parada, Javier Busto, Teresa Barreira, Ángel Suárez, Paula Sanmartín, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz e o Vigo-Rías Baixas. O aplauso do público tamén o levaron os ciclistas que o ano pasado representaron ás distintas seleccións españolas. O calendario de competicións permitiulle estar neste evento a catro dos oito internacionais: Irene Trabazo, Iván Feijoo, Cristian Mota e Adrián Barros.

O resto de galardoados foron os vencedores dos Rankings da Federación Galega de Ciclismo nas seis disciplinas de competición (Estrada, BTT XCO, BTT XCM, BTT DHI, BTT Enduro e Ciclocross), así como os medallistas galegos nos Campionatos de España e aqueles que ocuparon prazas de podio nas clasificacións xerais finais dos circuitos estatais de Copas e Open de España.

 

Foto: Fonsi Méndez


Enlace con la noticia original: O ciclismo galego rendeu tributo aos seus heroes en A Estrada

Mas noticias relacionadas