Manuel Piñeiro e Lara Lois estrearon a Copa Galicia BTT Maratón vencendo na Transheroica

Publicado por: F.G. Ciclismo

O ciclismo galego xa ten os seus primeiros gañadores da temporada. Os corredores elite Manuel Piñeiro (MTC Team) e Lara Lois (Extol – La Gramola Team) impuxéronse na Transheroica, a proba inaugural da Copa Galicia BTT Maratón. As baixas temperaturas e o barro aumentaron a dureza do desafío de 65 kilómetros proposto polo Club Ciclista Chantadino no concello lucense do Saviñao.

O resto de vencedores, e polo tanto primeiros líderes das súas categorías no certame autonómico, foron Rubén Atrio (Arcadecycles) e Mónica Restrepo (Tres Lunas) en máster-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) e Isabel Picoaga (7 Voltas) en máster-40, e José Manuel Pérez (Castropol Deporte) nos masters-50/60.

A segunda edición deste evento reuniu a 263 bikers, superando amplamente a cifra do 2017. A este éxito de participación hai que engadir as felicitacións que recibiu a organización por parte da maioría de corredores. 

Emoción ata o final

A carreira masculina decidiuse a falta de cinco kilómetros para a chegada á liña de meta de Escairón. Nese punto, Piñeiro marchouse en solitario e presentouse na capital do Saviñao cun tempo de 2 horas 44 minutos e 43 segundos. A 1:39 do representante do MTC Team chegou Atrio, triunfador absoluto o ano anterior. O terceiro posto, a 2:04 do gañador, correspondeulle ao elite Manuel Carrelo (Castropol Deporte), que avantaxou en 21" a Trasbach. 

Na competición feminina Lois non deu opción as súas rivais. Lucindo as cores do seu novo equipo detivo o reloxo en 3:24:54. A berciana Restrepo ocupou a segunda praza, a 12:48 da biker do Extol-La Gramola Team, e dous minutos máis tarde finalizaron a máster-30 Silvia Blanco (Máster Galaico) e Picoaga, terceira e cuarta respectivamente na táboa absoluta.

O percorrido completárono un total de 173 participantes e a xornada concluíu coa entrega de premios na que estiveron presentes Jorge Rodríguez, concelleiro de Deportes do Saviñao; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; e representantes do Club Ciclista Chantadino. 

A Copa Galicia de BTT Maratón regresará o 18 de marzo coa Viveiro Bike Xtrem, a segunda das súas cinco xornadas puntuables. Antes desa proba disputaranse as dúas primeiras carreiras do circuíto Transgalaica. 

 

 

 

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Manuel Piñeiro e Lara Lois estrearon a Copa Galicia BTT Maratón vencendo na Transheroica

Mas noticias relacionadas