Marco Veiga e Uxía Álvarez conquistaron Santiago na apertura da Copa Galicia DHI

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

O renovado trazado do Monte Pedroso estreou a temporada de BTT-Descenso autonómico. O elite Marco Veiga (CiclosQuintena) e a cadete Uxía Álvarez (Coruxo) triunfaron en Santiago na primeira xornada da Copa Galicia DHI 2018. Entre o centenar de riders que desafiaron o mal tempo e se lanzaron monte abaixo no evento organizado polo Club Ciclista Compostelano – Muebles Compostela houbo cinco mulleres. Unha cifra que supón un paso adiante na consolidación desta modalidade no ámbito feminino. 

O cadro de gañadores da novena edición do Descenso Cidade de Santiago – Toyota Compostela Móvil completárono Diego Álvarez nos cadetes, Víctor Mariño (X Bikes) nos juniors, César Sánchez (Corbelo) nos sub23, Alejandro Vila (Xtrembike) nos masters-30, José Manuel Verdía (CiclosQuintena) e Manuel Paz (Compostelano) nos masters-50. Fóra da Copa Galicia tamén se disputou unha competición para corredores en idade Infantil, con triunfo de Marcos Abalo (BTT Castrobikes) e unha de Enduro, na que se impuxo Daniel Molanes (THC Bike).

O mellor rexistro de todos os pilotos marcouno Marco Veiga. O gañador elite do certame autonómico no 2017 detivo o reloxo en 2 minutos e 35 segundos, rebaixando en 4" o rexistro de Manuel Pellón (BDM Bike Club) e en 5" o de Luis Manovel (Corbelo). "É un trazado moito máis técnico e físico que o anterior. Ademais, púxose máis complicado coa chuvia e o barro. Era moi fácil fallar", sinalou o vencedor absoluto. 

O rider do CiclosQuintena valorou a súa baixada como "perfecta, sen asumir riscos. Fun polo sitio e estou feliz despois de ter feito unha boa pretemporada, pero na que hai mes e medio sufrín unha lesión de xeonllo". O seu primeiro éxito desta campaña, tras finalizar décimo a pasada fin de semana na proba portuguesa de Tarouca, adicoullo á afección que se achegou ata o Pedroso: "Estivo ao 100% malia que o tempo non acompañou. Foi incrible ver tantísima xente apoioándonos mentres estabamos baixando. Tamén lle quero dar as gracias á organización deste descenso, sempre é un pracer correr na capital de Galicia".

Repóker feminino

Entre as mulleres a máis rápida foi a rider máis nova. A cadete Martínez (3:56) superou en 18" á máster-30 Eva Abadín (Barbanzabike) e en 20" á elite Estefanía Cabarcos (BDM Bike). Do mesmo xeito Bárbara Iglesias (Moto Bike) e Paula Seoane (Barbanzabike), cuarta e quinta respectivamente, subiron ao podio para festexar o récord de participación feminina. 

Nesta cerimonia de entrega de premios tamén se entregaron os primeiros maillots de líderes da Copa Galicia DHI. Este acto contou coa presenza de Noa Morales, concelleira de Deportes; Teresa Gutiérrez, representante da corporación municipal; de Manuel Tanoira, xefe de ventas de Compostela Móvil; de Jose Fernández Orgales, de Muebles Compostela; de Manuel Paz, presidente do Club Ciclista Compostelano; e de Begoña Carpinteiro, secretaria da Federación Galega de Ciclismo. O Descenso DHG Team Páramo, o 22 de abril, será a vindeira xornada puntuable para este certame. 

Foto: Fonsi Méndez

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Marco Veiga e Uxía Álvarez conquistaron Santiago na apertura da Copa Galicia DHI

Mas noticias relacionadas