O ouro de Feijoo e a prata de Trabazo poñen o broche á histórica actuación galega no Campionato de España de Ciclocrós en Pontevedra

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

Dous ciclistas sub-23 elevaron este domingo a once a cifra total de medallas conquistadas polos corredores galegos no Campionato de España de Ciclocrós 2020 celebrados durante a fin de semana en Pontevedra. Iván Feijoo volveuse colgar o ouro, tal e como fixera doce meses antes no mesmo escenario, e Irene Trabazo subiu ao segundo chanzo do podio. Coa histórica colleita de metais autonómica e con récord de participantes, a Illa das Esculturas superouse a si mesma acollendo por segundo ano consecutivo a gran cita do ciclismo invernal.

A segunda e definitiva xornada do Campionato estaba reservada para os tres pratos fortes do evento. Antes de que o sol se instalara ao carón do río Lérez, Iván Feijoo disparou a temperatura nunha xélida mañá. Dende a primeira pedalada, o ourensán do Nesta-Skoda tomou o mando da carreira sub-23. E xa non o soltou.

O defensor do título afirmara nos días previos que agardaba unha carreira táctica, pero non deu opción a que os seus rivais despregaran ningunha estratexia. Rodando en solitario, o de Allariz foi ampliando paulatinamente a súa vantaxe mentres por detrás sucedíanse as alternativas na loita pola prata e o bronce.

Carlos Canal, a outra opción galega de medalla, situouse á fronte dos perseguidores na segunda volta. A progresión do ourensán do Burgos-BH freouse por mor dunha caída no terceiro xiro. O de Xinzo de Limia viuse superado nun primeiro momento por Gonzalo Inguanzo (Teika) e Jofre Cullell (Catalunya), e posteriormente por Xabier Murias (Euskadi).

A exhibición de Feijoo durou 50 minutos e 57 segundos, un rexistro que lle permitiu gañar con 45” de marxe respecto a Inguanzo. Un segundo máis tarde finalizou Murias, pechando un podio do que se quedaron fóra Cullell e Canal, cuarto e quinto respectivamente. O vigués Adrián Barros, oitavo, foi o mellor representante do trío que presentou a Selección de Galicia. Ángel Maneiro terminou 21º e Óscar Fernández, 23º.

“Nas dúas últimas voltas decidín arriscar menos do normal para evitar problemas mecánicos”, sinalou o vencedor, que xa pensa nos seus próximos retos: “Sabía que viña moi ben de forma e hoxe tiven boas sensación dende que me subín ao rodillo para quentar. Unha vez cumprido o obxectivo de seguir vestindo a camisola de campión de España, vou polas Copas do Mundo e o Mundial”.

Subcampioa local

 A undécima e definitiva medalla da representación local acadouna a sub-23 Irene Trabazo. Correndo a poucos quilómetros da súa casa, a de Marín desquitouse da decepción do ano anterior cando un problema mecánico afastouna do podio. Aínda que esta vez volveu sufrir un contratempo no inicio da proba que a lastrou na loita pola vitoria, non deixou escapar a segunda praza na súa categoría e a sexta na táboa absoluta.

“Viña polo ouro e lévome a prata”, recoñeceu a corredora do XSM. Medio minuto separouna de Sofía Rodríguez (Valencia), a outra gran candidata á coroa sub-23. “Sabía que tiña que estar todo o rato con ela, se non ía ser complicado alcanzala. Primeiro tiven un contratempo e despois unha picada na segunda volta. Aínda así seguín para adiante, recorteille algo de tempo, pero non nos deu para alcanzala. A afección estivo a tope animando e as sensacións foron boas”, afirmou Trabazo.

O podio sub-23 completouno Paula Suárez (Euskadi). A Carla Fernández (Galicia) correspondeulle a sétima posición, con Zaida González (10ª) e Marta Vila (12ª) como as outras representantes da Selección autonómica na clasificación.

Máis ciclistas presentou Galicia na categoría júnior e o mellor posto asinouno Noela Saa, sétima a 4:24 da gañadora Lucía Gómez (Baleares). Laura Capa (16ª), Aida González (17ª), Zaira Vila (21ª) e Aroa Mediavilla (22ª) tamén finalizaron a proba por parte da Selección.

A raíña feminina destes campionatos foi a elite Lucía González (Nesta-Skoda). Segunda no 2019, a asturiana cumpriu os prognósticos e demostrou que actualmente é a mellor especialista estatal. Impúxose con 1:09 de vantaxe sobre a súa paisana e defensora do título Aida Nuño (Río Miera). Asturias rubricou un triplete nas elites co terceiro posto de Paula Díaz, que luciu as cores da súa autonomía.

Saúl López, sexto

Tampouco saltou a sorpresa na carreira Elite. O valenciano Felipe Orts (Telkia) proclamouse por segundo ano consecutivo campión de España. Nesta ocasión venceu con 34” de vantaxe. A emoción que faltou na pugna polo ouro hóuboa na batalla polas outras dúas prazas do caixón. O cántabro Kevin Suárez (Nesta-Skoda) acabou alcanzando a prata por diante do ciclista profesional de estrada Gorka Izagirre (Astana).

Outro vibrante duelo decantouse a prol de Saúl López, co campión de Galicia outorgándolle unha notable sexta posición á súa selección. O monfortino superou nos metros finais ao biker David Valero (MMR Bikes), quen participará nos Xogos Olímpicos de Tokio. Daniel López, co maillot do combinado local, concluíu 14º.

Os elites puxeron o punto final a uns campionatos nos que os corredores anfitrións superaron a cifra de medallas do 2019. Os dous podios deste domingo prolongaron a serie de nove medallas da xornada anterior. O balance foi de cinco ouros (Feijoo, a cadete Laura Mira, a máster-50A Isabel Castro, o máster-50B Marcial Rodríguez e a máster-40A Natalia Raña), tres pratas (Trabazo, a cadete Uxía Soto e o máster-30B Andrés Calvete) e tres bronces (o cadete Iván Fernández, a máster-30B Rocío Blanco e a máster-40B Sonia Costoya).

Carreira inclusiva

Ao marxe do programa de competicións, a cita na Illa das Esculturas será recordada pola celebración da primeira edición da carreira inclusiva para deportistas con capacidades diferentes. A iniciativa resultou un éxito, reunindo a máis de medio cento de corredores.

Pontevedra despediu os campionatos cunha cerimonia de podio na que estiveron presentes como autoridades Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade; Anabel Gulías, concelleira de Promoción e Grandes Eventos; José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Gregorio Agís, deputado provincia da Deputación de Pontevedra; Jose Ricardo Lima, concelleiro de Deportes de Melgaço; José Luis López Cerrón, presidente da Real Federación Española de Ciclismo; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

Clasificacións


Enlace con la noticia original: O ouro de Feijoo e a prata de Trabazo poñen o broche á histórica actuación galega no Campionato de España de Ciclocrós en Pontevedra

Mas noticias relacionadas