Publicado por: F.G. Ciclismo
O día despois de despedirse da loita polo podio da Volta a Portugal, Alejandro Marque acariciou a vitoria. O estradense do Sporting-Tavira filtrouse este luns na fuga que se xogou o triunfo da 5ª etapa e rematou segundo na subida final de 3ª categoría en A Guarda. Entre os primeiros da xeral houbo mínimas diferenzas, con Gustavo César Veloso (W52-FC Porto) chegando vestido de líder á xornada de descanso.
No percorrido de 158 quilómetros con saída en Oliveira do Hospital estableceuse unha escapada de oito corredores á altura do Km 52. Marque foi un dos seus integrantes xunto ao seu compañeiro de equipo David Livramento. Tras gozar dunha vantaxe máxima de 5 minutos, este grupo presentouse con 3' de marxe no treito final da tirada.
A meta estaba ubicada no cumio dunha explosiva ascensión de 3 km. Marque atacou antes do inicio do porto e formou un dúo en cabeza con João Matias (Vito-Feirense). Cando o corredor luso comezou a ceder a falta de 2 km, apareceu dende atrás Marco Tizza (Amore & Vita) e o ritmo do italiano non o puido resistir o gañador da Grandíssima no 2013.
Tizza impúxose con 11" de diferenza respecto ao corredor de A Estrada. No pelotón houbo ataques nos últimos metros e Joni Brandão (Efapel) rabuñou 2" a Veloso, o mesmo tempo que o vilagarcián obtivo en relación ao seu compañeiro de equipo João Rodrigues.
Na xeral, o de Bamio lidera con 15" sobre Rodrigues, terceiro é Vicente García de Mateos (Louletano) e cuarto Brandão, a 22 e 25" respectivamente.
A rolda do país veciño reanudarase o mércores con 189,2 quilómetros entre Torre de Moncorvo e Bragança, na última xornada que teñen marcada en vermello os esprinters.
Foto: João Fonseca
Enlace con la noticia original: Marque acariciou a vitoria antes da xornada de descanso na Volta a Portugal