Martin Soutullo (Carballo) foi o mellor xunior no XIII Trofeo Montes do Rosal

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

A praza do Calvario do Rosal albergou a celebración dunha nova edición do XIII Trofeo Montes do Roseira de Escolas de estrada organizada polo Club Ciclista O Rosal para categorías desde promesas a junior.

Medio centenar de pequenos yincaneros foron os encargados de abrir o programa de actividades cos exercicios de habilidade. Coa entrada en escena dos alevíns comezaron as carreiras, nesta primeira categoría con tres voltas ao trazado. Tomas Pombo (Cambre) foi o primeiro en cruzar a meta por diante do rosaleiro Iker Rodríguez (Roseira) e Alex Crende ( Cidade de Lugo).

Unha trintena de ciclistas formaron a categoría infantil para completar sete voltas a un percorrido no que o repecho da rúa Jesús Noya antes de meta puxo a proba o esforzo dos participantes. Cun grupo de catro ciclistas xogándose o triunfo na última volta a vitoria foi para Pablo Puceiro (Cortizo Anova) gañador na mesma liña de meta seguido por Iago González ( Teabikes) pechando o podio a dupla Asier Torrado e Miguel Prado (Barbanza).

A organización decidiu formar unha única grella de saída con todas os ciclistas presentes e coa evidente diferenza de número de voltas segundo as categorías. Sara Tajes ( Farto), Lucia Piñeira (Salvaterra) e Xiana Camiña ( Altairán) foron o tres máis rápidas entre os ciclistas alevíns. Vania Gregores (Ponteareas) sumou unha nova vitoria entre as infantís sendo secundada no podio por Lucía Crespo ( Altairán) e Sonia Domínguez (Marín). Claudia García ( Altairán) e Aroa Mediavilla (Cambre) protagonizaron un bonito duelo en cadetes sendo terceira Carla Montoiro (Negreira). A vencedora en Juniors foi a viguesa Carla Fernández ( Meruelo) que non atopou oposición na lucense Antía Crende ( Cidade de Lugo) nin na sub23 do Farto, Andrea Tomei quen a secundou no podio.

A categoría cadete congregou a un amplo pelotón que completou 15 voltas ao trazado. Os ciclistas do Mobles Compostela asinaron un dobrete con Rubén Fernández e Adrián López que souberon xestionar a carreira a pesar dos intentos dos compoñentes do Altairan de Redondela e do Ponteareas quen tratou de sorprender ao dúo santiagués. O seu traballo non evito a vitoria e acabaron superados nos últimos metros. Manuel Rodríguez (Ponteareas) foi terceiro no podio e cuarto acabou Ismael Martínez ( Altairán).

Os Juniors foron os últimos en participar con 20 voltas no XIII Trofeo Montes do Roseira. Participación numerosa e protagonismo inicial do vigués Iván Días ( Dipuleón-Bembibre) que tratou de atacar de lonxe. Os membros do Ponteareas en colaboración con Cortizo e Cambre tomaron o mando do pelotón para neutralizar a súa fuga´e o ritmo foi minguando unidades no gran grupo. No tramo final estableceuse a escapada boa con Martin Soutullo (Carballo) e Roi Domínguez (Fundación Pereiro) con marxe sobre a decena de ciclistas que permanecía en carreira. Pouco antes de meta, Soutullo (Carballo) encarou en solitario a chegada resarcíndose dos moitos momentos de mala fortuna tidos esta tempada. Domínguez (Fundación Pereiro) entrou pouco despois e de seguido Iván Días (Dipuleón-Bembibre).

Xornada competida a organizada polo Club Ciclista O Rosal que contou co apoio da Comunidade de Montes de Santa Mariña, o Concello e a Policía Local, con mención especial para a Protección Civil do Rosal que nesta carreira estreou a súa colaboración co club ciclista.

Foto ©CC O Rosal


Enlace con la noticia original: Martin Soutullo (Carballo) foi o mellor xunior no XIII Trofeo Montes do Rosal

Mas noticias relacionadas