O Ciclismo Galego celebra este sábado a súa Gala anual no Teatro Principal de Pontevedra

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

Un mes e medio despois de acoller o Campionato de España de Ciclocrós, Pontevedra volve ser o punto de encontro dos amantes da bicicleta. O Teatro Principal da cidade do Lérez subirá o seu pano este sábado, a partir das 19:30 horas, para celebrar a Gala anual que organiza a Federación Galega de Ciclismo (FGC). Un acto no que se festexarán os históricos resultados asinados polos corredores autonómicos durante a última temporada e no que tamén se homenaxearán brillantes traxectorias.

Polo escenario deste evento, que conta coa colaboración da Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde de Pontevedra, irán desfilando os artífices da excelente colleita de medallas de Galicia nos Campionatos de España. Entre as modalidades de Estrada, BTT, Ciclocrós e Ciclismo Adaptado o número de podios ascendeu a 58.

Nese rexistro inclúense os once metais acadados polos galegos no Campionato de España de Ciclocrós 2020 que tivo lugar a mediados de xaneiro na pontevedresa Illa das Esculturas. Un éxito que será recoñecido coa entrega dos diplomas, por primeira vez en ano natural, aos medallistas autonómicos.

Outros ciclistas premiados serán aqueles que remataron entre os tres primeiros nas clasificacións xerais dos Opens e das Copas de España no 2019. O balance de Galicia supón un récord ao ter contado con 24 representantes nos podios finais dos certames estatais.

Tamén recollerán o seu galardón os vencedores dos rankings 2019 da FGC. Neste apartado entregaranse premios a catorce corredores de Estrada; a outros catorce de BTT-Cross Country Olímpico; a nove de BTT-Enduro; a oito de BTT-Descenso; a seis de BTT-Cross Country Maratón, e a catorce de Ciclocrós.

Mencións Especiais

Aqueles resultados máis extraordinarios dos últimos meses serán recoñecidos con Mencións Especiais. Neste bloque, que a organización do evento prefire este ano manter en segredo, renderase tributo do mesmo xeito a un representante do colectivo arbitral, dos medios de comunicación, así como a figuras deste deporte, personalidades e entidades como o Concello de Pontevedra e Discamino pola súa contribución ao ciclismo.

O presentador de televisión Terio Carrera exercerá de mestre de cerimonias dun evento que se encargarán de amenizar o guionista e monologuista Federico Pérez e o grupo musical Chroma.  


Enlace con la noticia original: O Ciclismo Galego celebra este sábado a súa Gala anual no Teatro Principal de Pontevedra

Mas noticias relacionadas