O circuíto Transgalaica 2018 arranca o domingo en Carballedo con máis de 400 ciclistas participantes

Publicado por: F.G. Ciclismo

Carballedo reunirá o vindeiro domingo, 25 de febreiro, a máis de 400 ciclistas na proba inaugural do circuíto de probas de Bicicleta Todo Terreo (BTT) na modalidade de maratón Transgalaica 2018. Esta estimación de participación –a inscrición permanece aberta ata o xoves– deuse a coñecer hoxe na presentación oficial da competición, que tivo lugar no observatorio do Coirego e que contou coa presenza do presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; de Javier Sánchez, en representación do Team Relay, que é o clube organizador desta proba; e do técnico municipal de Deportes, Diego López.

Deste xeito, a novena edición do Trofeo Concello de Cerdedo-Cotobade volverá ser, como é tradicional, a carreira de apertura da Transgalaica 2018, que activa este ano a súa  decimoterceira edición. Os ciclistas participantes proceden maioritariamente de Galicia, coa presenza de practicamente todo o pelotón, pero tamén doutros puntos de España, especialmente de Asturias e Castela e León.

A competición, que conta coa colaboración do Concello e da Federación Galega de Ciclismo, discorrerá por un esixente e precioso circuíto polas pistas de terra dos montes da contorna de Carballedo con case 60 quilómetros de lonxitude. A carreira arrancará ás 9.30 horas da Praza da Chan e salvará un desnivel acumulado duns 1.500 metros, sendo o observatorio, a 650 metros  de altura, o punto máis elevado que terán que afrontar os ciclistas. A chegada estímase que se producirá, no caso do gañador, sobre as 12.00 horas ao centro de Carballedo e a entrega de premios está fixada para as 13.30 horas.

Tras esta proba, a Transgalaica, que conta cunha decena de patrocinadores, continuará co seu desenvolvemento polo resto da comunidade coas carreiras calendadas en Ames, Vigo e a parroquia estradense de Sabucedo.

Cubela quixo agradecer a “confianza depositada un ano máis” pola Federación Galega de Ciclismo e o Team Relay para seguir celebrando a proba inaugural deste circuíto en Carballedo e indicou que o Concello prestaralle “o máximo apoio, xa que contribúe ao fomento do deporte e tamén serve como un importante reclamo que atrae a máis de 400 deportistas ao noso concello ao tempo que promociona a gran beleza e os valores medioambientais do noso municipio”.

Tras apuntar que en 2019 “haberá que facer algo especial ao tratarse da décima edición no noso territorio”, Cubela quixo especificar que a Transgalaica “abre a completa programación  deportiva de ámbito autonómico deste ano no noso municipio, da que estamos moi satisfeitos, xa que achegará a milleiros de persoas” con actividades como a Subida a Cerdedo-Cotobade, o Torneo de Verán de Tenorio ou a Liga Federada de Fútbol-7, entre outras.

Fonte: Concello de Cerdedo-Cotobade


Enlace con la noticia original: O circuíto Transgalaica 2018 arranca o domingo en Carballedo con máis de 400 ciclistas participantes

Mas noticias relacionadas