O Trofeo Federación comezou en Santiago ao ritmo de Iván Feijoo

Publicado por: F.G. Ciclismo

Unha semana despois de que se puxera en marcha a Copa Galicia, o outro certame autonómico de Cross Country Olímpico (XCO) arrancou en Santiago de Compostela. O circuíto da Granxa do Xesto acolleu o pasado sábado a primeira proba puntuable do Trofeo Federación e sobre un terreo moi enlamado Iván Feijoo (Maceda) marcou o ritmo. O vixente campión de España Sub23 de ciclocross  acadou na capita galega a súa primeira vitoria da temporada no calendario de BTT. 

Laura Capa (Marín) e Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos) en cadetes, Marco Nube Lema (Maceda) nos juniors, Alba Arias (Arteixo-MB3) nas sub23, Jorge Punzón (Cosmos) e Desiree Fernández  (RSBike) en elites, Darío Otero (Compostelano) nos masters-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos masters-40 e José Ramón Castelo (Barbanzabike) nos masters-50/60 foron os outros triunfadores entre os 120 bikers que se reuniron na décima edición do XCO Cidade de Santiago. 

Mini BTT

A nova directiva do Club Ciclista Compostelano apostou con gran esforzo por unha xornada completa de BTT e na mantinal celebrouse a primeira cita da temporada galega de Mini BTT. Nin unha mañá fría e con choiva estragou o gran éxito organizativo. Cun total de 411 cativos e cativas en liza, A Granxa do Xesto gozou dun ambiente que non se vivía hai anos e Santiago exerceu de capital autonómica de BTT.

A festa non decaeu en ningún momento, baixando o pano coa entrega de premios na que estiveron presentes Noa Molares, concelleira de Deportes; José Fernández Orgales, en representación do patrocinador Muebles Compostela; e Begoña Carpinteiro, secretaria da Federación Galega de Ciclismo (FGC).

Dominio sub23

Pola tarde chegou a quenda dos maiores e  Iván Feijoo amosou o seu talento nun circuíto moi endurecido polo mal tempo. O alaricano impúxose na carreira raíña masculina cunha vantaxe de dous minutos respecto ao tamén sub23 Pablo Álvarez (Cambre). A terceira posición na líña de meta correspondeulle ao elite Punzón, que rematou a 6 minutos e 12 segundos do gañador. 

Os primeiros líderes do Trofeo Federación recibiron os seus maillots nunha cerimonia de podio na que participaron Mónica González e Lourdes Couceiro, vicepresidentas do clube organizador; José Manuel Flores, vicepresidente da FGC; e que tampouco se perdeu José Fernández Orgales. Aos gañadores en Santiago tocaralles defender a súa condición de líderes este sábado na localidade pontevedresa da Cañiza. 

 

Foto: Kike Abelleira 

Documentos: 

Enlace con la noticia original: O Trofeo Federación comezou en Santiago ao ritmo de Iván Feijoo

Mas noticias relacionadas