O Trofeo Federación XCO despediuse en Sanxenxo con Jorge Punzón e Desiree Fernández selando os seus títulos

Publicado por: F.G. Ciclismo

A segunda edición do Trofeo Federación de Cross Country Olímpico (XCO) xa é historia. Na súa quinta e definitiva proba puntuable Desiree Fernández e Jorge Punzón defenderon con éxito a súa condición de líderes elite o pasado sábado no V XCO Sanxenxo. O porriñés do Cosmos fíxoo ao grande, anotándose o triunfo no espectacular trazado de Punta Cabicastro. 

A gañadora entre as mulleres nesta derradeira cita do certame autonómico foi a elite Lara Lois (Extol-La Gramola Team) e no resto de categorías impuxéronse Laura María Mira (Redondela Il Piccolo) e Anxo Carril (Coruxo) en cadetes, Noela Saa (Academia-Postal Maceda) e Marco Nube Lema (Academia-Postal Maceda) en juniors, Irene Trabazo (XSM) e Rubén Digón (Cambre) en sub23, Fernando Guerra (Extol-La Gramola Team) nos máster-30, Alejandro Trasbcach (Racing Cycling) nos máster-40 e Manuel Castro (Barbanzabike) nos máster-50/60. 

A xornada no circuíto de Portonovo abriuse pola mañá coa oitava edición do Mini BTT organizado polo Club Ciclista Corbelo e o amplo paddock deste evento acolleu pola tarde aos 124 bikers do Trofeo Federación. No percorrido ao carón do mar a chuvia so apareceu durante a primeira quenda de saídas.

Punzón chegaba con 95 puntos de marxe sobre Alberto Pedreira (Bici Verde) e no duelo entre porriñeses volveu vencer o líder. O corredor do Cosmos venceu con 1:19 de vantaxe respecto ao seu principal rival na xeral e o podio elite completouno José Henrique Enríquez (Xtrembike). 

Na competición raíña feminina a grovense Lara Lois sumou o seu primeiro triunfo da temporada neste certame. A elite do Extol-La Gramola Team distanciouse en catro minutos da sub23 Trabazo e a terceira posición ocupouna a elite Diana Blanco (Barbanzabike). Co título matemáticamente no peto antes de que se dera a saída, Desiree Fernández (RSBike) rematou quinta.

Doce líderes finais

En ningunha das doce categorías o maillot de primeiro clasificado cambiou de propietario en Sanxenxo e no podio tamén foron coroados como gañadores finais do Trofeo Federación XCO a cadete Laura María Mira, o cadete Anxo Carril, a júnior Andrea García (Academia Postal – Maceda), o júnior Marco Nube Lema, a sub23 Zaida González (O Rosal), o sub23 Pablo Álvarez (Cambre Caeiro), o máster-30 Iván Pereira (RSBike), o máster-40 Marcos Mayo (Noela), a máster Rocío Blanco (A Forna) e o máster-50/60 José Ramón Castelo (Barbanzabike). 

Os vencedores da última carreira e dos rankings recibiron os seus premios nunha cerimonia na que participaron Daniel Arosa, concelleiro de Deportes de Sanxenxo; Iván Pérez, presidente do Corbelo; José Manuel Flores, vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo (FGC); e Begoña Carpinteiro, secretaria da FGC. 

 

 

Foto: Luz Iglesias

Documentos: 

Enlace con la noticia original: O Trofeo Federación XCO despediuse en Sanxenxo con Jorge Punzón e Desiree Fernández selando os seus títulos

Mas noticias relacionadas