Os 4 Días de Ourense están de volta

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Coa Semana Santa volve unha cita habitual do ciclismo galego, a Challenge 4 Días de Ourense. Coa estación de tren de Baños de Molgas como centro neurálxico desta proba, o percorrido será practicamente o mesmo que na edición de 2018, da que os deportistas deron unha opinión máis que positiva.

Desta forma, desde as 11:10 horas deste xoves, os inscritos disputarán catro competicións individuais que computarán para unha clasificación conxunta final, na que haberá que participar en polo menos tres para optar ao título.

Coa lista de inscritos aínda aberta, son xa máis de 160 ciclistas os que confirmaron a súa presenza na liña de saída do xoves, contando desde a organización que serán aproximadamente 180 os que estarán en cada unha das xornadas.

Carlos Moure Fraga, organizador da proba, destaca a poucas horas de que comece que "estamos moi contentos co número de participantes e o nivel que imos ter durante os catro días de competición. Ao coincidir a proba cunha ponte longa a nivel nacional está a inscribirse moita xente de fóra e iso fará que aumente a rivalidade en todas as probas xa que haberá corredores vascos, cataláns ou de Castela e León. O formato challenge tamén resulta atractivo porque permite estar só nalgunhas probas pero aspirar a algo".

Entre os favoritos que cita Moure destaca a presenza do vencedor da pasada edición Aser Estévez, que defenderá o cetro conseguido en Ourense ante Iago Alonso, Rubén Fernández ou Mikel Núñez, entre outros.

A primeira proba levará aos participantes por un percorrido de 70 quilómetros; para o venres, 72 quilómetros con final en alto, unha das novidades da pasada edición; o sábado, 61 quilómetros e o domingo, a competición chave con 62 quilómetros, na que os deportistas afrontarán o sempre determinante alto de Piuca, no que os favoritos se xogarán o título da Challenge.

 

Fonte: La Región 


Enlace con la noticia original: Os 4 Días de Ourense están de volta

Mas noticias relacionadas