Os galegos brilaron sen premio na segunda xornada do Campionato de España de Btt

Publicado por: F.G. Ciclismo

A gran actuación dos ciclistas galegos non obtivo o premio das medallas durante a segunda xornada de competición do Campionato de España que se celebra na localidade madrileña de Moralzarzal.
O cuarto posto de Manuel Parada en master 30A ou a quinta praza de Iván Feijoo en sub 23 foron un claro exemplo da escasa fortuna dos galegos que tiveron que remontar desde posicións moi atrasadas na grella de saída.
Na cita estrela da xornada, o catalán Jofre Cullell cumpriu coas expectativas e ofreceu un auténtico recital na carreira sub23 masculina. O biker do Megamo Team espremeuse desde o mesmo sprint de saída e xa nos primeiros compases rodou en solitario na cabeza. Cullell rexistrou un sensacional tempo de 13’40” como mellor xiro e volta a volta aumentou a súa renda ata vencer cunha marxe de 3’32” sobre Josep Durán, subcampión. A loita pola medalla de bronce, que foi a que gardou maior emoción, caeu ao lado de Jorge Gómez (Comunidade Valenciana).
Iván Feijoo se vió obrigado a tomar a saída desde a cuarta liña e en cumpría o primeiro xiro no posto 19º. En apenas catro voltas o allaricense xa circulaba como quinto clasificado, a que sería a súa clasificación final e facendo unha gran remontada con tempos parellos aos homes de podio. Pablo Alvarez finalizou no posto 21 mentres o vigués Samuel González tivo que abandonar por problemas físicos na cuarta volta tras ir circulando no top ten da carreira.
Na matinal de sábado, máis aló dos sub 23, tamén os master tiveron o seu momento no nacional comezando a xornada coa disputa das carreiras da categoría Máster 40.
Entre os Máster 40, Galicia presentou ao seu principal referente na categoría como Alex Trasbach que completou a proba cun magnífico top ten (9º). Foi unha bonita loita durante as dúas primeiras voltas entre José María Guerreiro e Javier Xurado, que terminou inclinándose en favor do primeiro na segunda metade da proba. O bronce foi para Pablo Gómez.
En Máster 40 B, Julián Adrada cumpriu os prognósticos e revalidou o seu título por diante de Óscar Velar e Francesc Carnicer.
Na proba master 30A, a vitoria foi para o recentemente proclamado en Vall Nord, Andorra, Campión do Mundo, Ismael Sánchez que dominou desde o primeiro xiro. Na primeira toma de tempo baixo o arco de meta o murciano xa contaba con máis de 30” con respecto a Pablo Egeda, que non puido presentar oposición ao seu trepidante ritmo. O galego Manuel Parada partía moi atrasado na saída e no primeiro paso por meta transitaba no posto 18º que iría mellorando xiro a xiro ata a sexta praza absoluta e ás portas do bronce da súa categoría.

Enlace con la noticia original: Os galegos brilaron sen premio na segunda xornada do Campionato de España de Btt

Mas noticias relacionadas