Os líderes da Transgalaica non fallan na Estrada

Publicado por: F.G. Ciclismo

Javier Busto (Extol-La Gramola  Team) e Isabel  Picoaga (CC 7 Voltas) continúan co seu dominio e tras a vitoria na proba da Estrada reafírmanse un pouco máis se cabe no liderado da  Transgalaica2019. Máis de 350 corredores tomaron a saída desde a céntrica Praza da Feira con destino a un rápido circuíto que prepararan desde  Bikestrada para a ocasión. A falta de choivas das últimas semanas fixo que o terreo estivese en perfecto estado e alcanzásense unhas media de velocidade inusuais para este tipo de probas.

En categoría masculina volveu ser o monfortino Estefan González (Burgas Bike Team) o que máis lle discutiu a vitoria a Busto. Espectaculares tamén as prestacións de  Fco Xavier López (MTC Team), terceiro clasificado absoluto sendo M-50. Destacar tamén o regreso do asturiano Manuel Carrelo tras unha época afastado das nosas probas.

Entre as mozas foron Diana Blanco (Barbanzabike) e Silvia García (Bici Verde) as rivais máis fortes que se atopou Picoaga na loita por alzarse coa vitoria. Isabel con todo volveu triunfar na súa proba  talismán, pois nas tres ocasións que se disputou unha Transgalaica na Estrada logrou o triunfo, tanto no antigo circuíto de  Sabucedo como no desta xornada.

Na clasificación por equipos novamente produciuse unha espectacular loita entre o Extol-La Gramola Team e Burgas Bike Team, con novo triunfo dos primeiros. Terceiro en discordia foi esta vez o C. C. Monteneme.

Silleda acollerá o próximo 7 de abril a cuarta proba da Transgalaica2019 nun precioso circuíto que están a preparar para a ocasión a xente do C. C. Trasdeza.
 

Texto e foto: Transgalaica 


Enlace con la noticia original: Os líderes da Transgalaica non fallan na Estrada

Mas noticias relacionadas