Presentación do II Ciclocrós Concello de Carral

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

A Casa do concello de Carral acolleu o pasado luns a presentación oficial do II Ciclocrós Concello de Carral. O acto estivo presidido por Juan Carlos Muñiz Nieto, presidente da Federación Galega de Ciclismo, Julio Brandariz Seoane, presidente do club  PC. Monte  Xalo, e Francisco  J. Belo Hermida, concelleiro de deportes do concello de Carral.

Esta proba celebrarase este sábado, 14 de decembro, sendo a novena cita puntuable da Copa Galicia de Ciclocrós, campionato galego que se desenvolve ao longo de toda a xeografía galega. Esta competición está abalada e convocada pola Federación Galega de Ciclismo, sendo organizada polo club  PC. Monte  Xalo coa colaboración do Concello de Carral. Son preto 350 os corredores que tomarán a saída nas diferentes categorías (desde cadete a máster) e de diversas procedencias (Galicia, Asturias e León).

A proba desenvolverase nun circuíto de máis de 2 km, habilitado no lugar de  Taramuño – San Vicente (parroquia de Carral). A superficie do mesmo será  predominantemente por campa vexetal verde, incorporándose ao longo do seu percorrido diversos obstáculos naturais en forma de desniveis, noiros e ramplas, e outros artificiais como escaleiras, taboleiros e fosos.  O horario da proba será desde as 14.30  h ata as 18.30  h, momento no que se pasará a facer entrega dos premios aos mellores de cada categoría.

Entre os favoritos á vitoria máster-30, atópase Andrés  Calvete  Candal, membro do club organizador e líder destacado no campionato galego e que, salvo sorpresa, volverá subir ao  podio este sábado ás 18.30  h.

Para o correcto desenvolvemento da proba, desde o concello de Carral atendendo á seguridade do espectáculo, estableceu o peche das estradas periféricas ao circuíto, facilitando o tránsito a pé dos deportistas e espectadores. Unha vez terminada a proba deportiva restablecerase o tránsito normal de vehículos.


Enlace con la noticia original: Presentación do II Ciclocrós Concello de Carral

Mas noticias relacionadas