Punzón cólgase a prata no Eliminator do Campionato de España

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

A Selección de Galicia contou con dous representantes entre os catro finalistas do Campionato de España de Eliminator (XCE) e un deles proclamouse subcampión. Jorge Punzón conquistou a segunda posición en Arguedas, con Alberto Pedreira levándose a 'medalla de chocolate' no circuíto navarro. 

O tándem de elites galegos, e porriñeses, protagonizaron unha excelente actuación, demostrando o seu potencia na saídas, sempre moi rápidos e explosivos posicionándose nos primeiros postos en todas as roldas. Os dous presentaron a súa candidatura ao podio dende a rolda clasificatoria. Punzón marcou o terceiro mellor rexistro e Pedreira, o quinto. Os 32 primeiros clasificados accederon ás eliminatorias.

Tras superar os dous primeiros cruces, os bikers da Selección metéronse grazas a axustados esprints na final. Pedreira superou sobre a liña a Alejandro Junquera (TopSport) para acadar a segunda praza na primeira semifinal e moi semellante foi o desenlace da segunda no que Punzón bateu por milímetros a Edgar Teno (Valencia) para meterse na loita polas medallas. 

O cartel da final completárono Diego González (SportBici) e Alberto Mingorance (Andalucía). Este último ofreceu un arranque fulgurante que lle permitiu incluso soltar de roda aos seus rivais no primeiro cuarto de competición. O andaluz rubricou o seu cuarto título, cun tempo de 02:00 e 60 centésimas despois entrou Punzón levantando a roda dianteira da súa bicicleta en sinal de ledicia por ter acadado a prata, que se suma ao ouro que logrou o día anterior no Team Relay.

Na loita polo bronce, Pedreira tivo un problema cun pedal e quedou sen opcións no duelo con González.  En dous días de competición a Selección de Galicia acumula dúas medallas en Arguedas. 

 

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Punzón cólgase a prata no Eliminator do Campionato de España

Mas noticias relacionadas