Ricardo Buba e Isabel Castro dan as primeiras vitorias ao ciclocrós galego na estrea da Copa de España

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Llodio deu este sábado o bandeirazo de saída á Copa de España de ciclocrós e no circuíto alavés dous galegos subiron ao máis alto do podio. Ricardo Buba (Coruxo) impúxose nos cadetes e Isabel Castro (Condado Bike) dominou nas máster. Ademais, Iván Feijoo (Nesta) e Irene Trabazo (XSM) remataron nas clasificacións sub-23 dentro duns top-10 con moita presenza estranxeira.

O líder da Copa Galicia cadete prolongou a súa condición de invicto ao certame estatal. Ricardo Buba venceu con dous segundos de vantaxe sobre Pau Martí (Monxent) e do terceiro clasificado, Raúl Mira (Sonido-Energim), distanciouse en 8". Entre os dez primeiros finalizou outro galego: Iván Fernández (Avanza), sétimo.

O seu terceiro triunfo da temporada tamén o sumou a máster-50 Isabel Castro. A ponteareá foi a máis rápida de todas as categorías máster, erguendo os brazos con 22" de marxe respecto á master-30 Isabel Borrero (Superprestigio) e batendo por 1:27 á máster-40 Eva Argüelles (Cycling Astur).

En canto ás carreiras raíñas, na masculina Iván Feijoo cruzou a liña de meta na 16ª posición, ocupando a sexta praza na táboa sub-23. O alaricano terminou terceiro entre os españois da súa categoría. Pola súa banda, Irene Trabazo concluíu como a mellor española sub-23, sendo sexta no seu grupo de idade e 15ª na clasificación absoluta. 

Máis postos galegos de top-10 asináronos as juniors Noela Saa (Maceda), sexta, e Laura Capa (Aleata-Farto), oitava; as cadetes Uxía Soto (Avanza), sexta, e Laura Mira (Redondela), décima; mentres que nos máster-30 Andrés Calvete (Monte Xalo) obtivo a sexta posición e nos máster-60 Antonio Fernández (Cambre), a oitava. 

A Copa de España terá a súa segunda cita da fin de semana este domingo na localidade biscaíña de Elorrio. 

Máis información

 


Enlace con la noticia original: Ricardo Buba e Isabel Castro dan as primeiras vitorias ao ciclocrós galego na estrea da Copa de España

Mas noticias relacionadas