Rubén Fernández e Manuel Prieto báñanse en prata nas probas en liña do Campionato de España Máster

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Os Campionatos de España Júnior e Máster de estrada 2019 arrancaron este sábado na localidade asturiana de Grado con dous corredores galegos subindo ao podio. Rubén Fernández (Norinver) logrou a medalla de prata na proba en liña da categoría Máster-40A e o mesmo resultado obtivo o seu compañeiro de equipo Manuel Prieto na carreira máster-60A.

A xornada abriuse coa competición sobre 68 quilómetros para os máster-50 e 60. O título 60A decidiuse ao esprint con Prieto entrando por detrás de Juan Moreno. O grupo no que xogou a terceira praza do caixón rematou a 2:17 dos dous primeiros. 

Os seguintes en entrar en liza foron os máster-40 cun percorrido de 97 quilómetros. Rubén Fernández estivo entre os catro homes que pugnaron pola vitoria ata o final e ocupou a cuarta praza na clasificación absoluta, a 26" do vencedor Antonio Martín (AC Hotel). O actual campión galego subiu ao segundo chanzo da súa categoría. Nos máster-40B, Vicente Alló (Chantadino) terminou quinto. 

A última carreira do día, a máster-30, tivo un protagonista galego. O vigués Iago Alonso (Chantadino) rodou fugado xunto a outros tres ciclistas boa parte dos 126 km.  Un grupo de once unidades atrapounos a falta de 20 km e a proba resolveuse na recta de meta. Alonso entrou décimo e na táboa máster-30 B correspondeulle a cuarta praza. 

O domingo está reservado neste evento para as probas contra o reloxo, tanto para os máster como os juniors de ambos sexos. Na localidade de Cándamo o primeiro participante tomará a saída ás 09:30 horas. 

Máis información e clasificacións


Enlace con la noticia original: Rubén Fernández e Manuel Prieto báñanse en prata nas probas en liña do Campionato de España Máster

Mas noticias relacionadas