Tres galegos subiron ao podio na apertura do Open de España de Enduro

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

O Open de España máis madrugador deste 2020 púxose en marcha este domingo. A localidade abulense de La Adrada acolleu a primeira cita puntuable para o certame estatal de Enduro. A máster-30 Fany Cabarcos (Rocasport Giant) e os juniors Ismael Romero (Pontebike) e Manuel Loureiro (Coruxo), segundo e terceiro respectivamente, colleitaron tres podios para a delegación galega, que ademais asinou outros oito postos de Top-10. 

O rexistro de 23 minutos e 47 segundos de Cabarcos nos catro treitos cronometrados non so lle outorgou o primeiro maillot de líder da súa categoría. A máster-30 naronesa tamén obtivo a segunda praza na clasificación scratch feminina, a 35" da elite Marketa Michalkova (Sta Cruz). A galega inclusive marcou o mellor tempo no segundo parcial.

Nos juniors, Romero e Loureiro estiveron metidos na loita pola vitoria ata o último treito. Finalmente, a vitoria non a deixou fuxir Rodrigo Gamarra (Velobur), superando en 5" a Romero e en 6" a Loureiro. Outros dous representantes do noso Enduro remataron entre os dez primeiros nesta categoría: sétimo posto para Raúl Miranda (Coruxo) e noveno para David Fernández (Avanza).

Tamén houbou unha importante presenza galega no Top-10 da clasificación elite masculina. Marco Veiga (Ciclosquintena), segundo no primeiro treito, concluíu quinto; Pablo Míguez (Bici Verde), sétimo; e Mauro González (Salvaterra), décimo. Édgar Carballo (Orbea) dominou esta categoría raíña.

O resto de resultados destacados protagonizáronos Nicolás Carrera (Sta Cruz), quinto nos sub-23 e mellor galego na táboa scratch masculina (sétimo); Manuel Pellón (BDM Bike), quinto nos máster-30; e Pedro Dapena (Ciclosquintena), sexto nos máster-40.

A vindeira cita do Open de España de Enduro será o Endubitem, o 15 de marzo en Tortosa (Tarragona).

Clasificacións


Enlace con la noticia original: Tres galegos subiron ao podio na apertura do Open de España de Enduro

Mas noticias relacionadas