Saúl López e Carla Fernández asinan triunfos solventes na Copa Galicia de Esmelle

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Dúas probas en dous días e dobre vitoria para Saúl López na Copa Galicia de Ciclocrós. O monfortino do Maceda repetiu no circuíto ferrolán de Esmelle o éxito acadado na xornada anterior en Culleredo, impoñéndose de novo na carreira Elite e Sub-23. A raíña feminina na cuarta cita puntuable do certame autonómico foi a sub-23 Carla Fernández (Río Miera).

O III Ciclocross Val de Esmelle reuniu a preto de 300 participantes e a incógnita sobre quen sería o gañador no prato forte deste evento xa se despexou na primeira volta. Saúl López marchouse en solitario e os seus rivais xa non o volverían ver ata a liña de meta, onde venceu cun tempo de 50 minutos e 26 segundos. A segunda praza, a 48” do ciclista de Monforte, correspondeulle ao sorprendente sub-23 Roi López (Compostelano), novo líder da súa categoría.

O duelo por rematar terceiro entre Jorge Punzón (Cosmos) e Luis Fernández Oliveira (Avanza) non se resolveu ata as últimas pedaladas. Finalmente, o porriñés Punzón bateu ao seu veciño e con este resultado afianzou a súa primeira praza na clasificación xeral elite da Copa Galicia. O top-5 completouno o corredor profesional de estrada Daniel López Parada (Burgos BH).

Na carreira estrela das mulleres Carla Fernández tamén marcou a pauta con solvencia. A viguesa do Río Miera inaugurou a súa conta de triunfos absolutos desta temporada tras 42 minutos e 57 segundos de esforzo. A 24” corredora que encabeza o ranking sub-23 deste certame entraron dúas corredoras juniors: Aroa Mediavilla (Cambre) e a líder Laura Capa (Aleata-Farto), segunda e terceira respectivamente.

Dominio dos líderes

No resto das categorías os corredores que defendían os maillots da Copa acapararon a maioría das vitorias: Laura Mira (Redondela) e Ricardo Buba (Coruxo) en cadetes, Miguel Rodríguez (Ponteareas) nos juniors, Diana Blanco (Barbanzabike) nas elites, Rocío Blanco (A Forna) nas masters-30, Estela Lago (Bike O Facho) e Marcos Mayo (Noela) en máster-40, Antonio Sousa nos máster-50 e Antonio Fernández (Cambre) nos máster-60.

A excepción protagonizouna Alejandro Mesías (CiclosQuintena) nos máster-30 ao superar ao líder Andrés Calvete (Monte Xalo), que continúa á fronte da xeral.

Tras este intenso arranque do mes de novembro, a Copa Galicia regresará o vindeiro sábado en Dumbría.

 

Foto: Club BTT Esmelle

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Saúl López e Carla Fernández asinan triunfos solventes na Copa Galicia de Esmelle

Mas noticias relacionadas