Trabazo, Barros e Canal viviron o seu bautizo mundialista en Valkenburg

Publicado por: F.G. Ciclismo

Tema: 

Tan esixente como inesquecible. Así se pode resumir o estreo nun Mundial de Ciclocross para os tres galegos que competiron este sábado no enlamado circuíto neerlandés de Valkenburg. A sub23 Irene Trabazo rematou 34ª despois de ter un problema mecánico, mentres que nos juniors Adrián Barros (28º) foi o mellor clasificado da selección española e Carlos Canal (63º) sufriu unha avaría cando rodaba en posicións dianteiras. 

A británica Evie Richards impúxose na proba sub23 e a 7:50 da gañadora cruzou a liña de meta Trabazo. A corredora do Marín Ottoman explicou que "tiven unha boa saída e o circuíto hoxe estaba para non cometer erros. Na segunda volta caéuseme a cadea, tiven que montala e tardei un pouco porque estaba moi chea de barro. Tamén tiven que parar a limpar as rodas. Ao principio atopeime ben, pero despois faltoume gasolina. Foi o meu primeiro Mundial, oxalá veñan máis".

O título júnior tamén se foi para terras británicas. Venceu Ben Tulett e a 3:52 do vencedor terminou Barros. "Non me esperaba acabar entre os 30 primeiros. Fíxose moi dura porque houbo que remontar moitos postos. Despois tocou patear, patear e patear", indicou o vigués do Coruxo. Pola súa banda, ao limiao Canal non o acompañou a sorte e os problemas mecánicos impedíronlle dar continuidade a unha gran saída na que se colocou sexto. O ciclista do Academia Postal – Actyon – MMR tivo que conformarse con rematar a carreira. 

Feijoo, este domingo

Ao cuarto representante galego en Valkenburg chégalle a súa quenda este domingo ás 11:00 horas. O alaricano Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR) formará xunto a Jofre Cullell e Mario Junquera o trío español que presentará a selección española na carreira sub23. Esta proba poderase seguir en directo a través da canle de YouTube da UCI

 

 

 

 

 

Foto: Clube Ciclista Maceda


Enlace con la noticia original: Trabazo, Barros e Canal viviron o seu bautizo mundialista en Valkenburg

Mas noticias relacionadas