Triple triunfo galego no Open de España de Enduro en La Adrada

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

Os especialistas do noso ciclismo en Enduro demostraron o seu poderío na segunda proba puntuable do Open de España. Ata catro galegos pisaron o podio en La Adrada (Madrid) e tres deles fixérono como gañadores das súas categorías. Zoe del Río (Marín) venceu na clasificación cadete, Tony Pérez (Condado Bike) na máster-40 e a súa compañeira de equipo sub23 Desirée Duarte na absoluta feminina. Ademais, Mario Fernández (O Rosal) asinou a segunda praza nos juniors.

A segunda edición deste evento constaba de 37 kilómetros e 1.500 metros de desnivel acumulado repartidos en catro treitos cronometrados. Entre as mulleres, a ponteareá Duarte non tivo rival e superou nun minuto e medio á elite Marketa Michalkova (Bike Comp). O podio completouno a sub23 Mireia Baquedano (Cultbikes).

O dobrete do Condado Bike selouno Pérez nos master-40. O vigués dobregou nun igualado duelo a Enrique Santonja (Alcoy) por unha diferenza de 12 segundos. Nesta categoría outro galego, Esteban Lorenzo (Bici Verde), rematou sexto. 

Tamén houbo varios representantes da nosa autonomía no 'Top-10' dos cadetes. O marinense Del Río acadou a primeira posición, Manuel Loureiro (Coruxo) finalizou cuarto a menos dun segundo do terceiro e Amancio Graña (Marín) obtivo a sétima praza. Pola súa parte, Alba Caínzos (Pulpeiros Mugardos) foi a única cadete que completou o percorrido.

A colleita de podios pechouna o rosaleiro Fernández, que na competición júnior tan so foi batido por Ignacio Valverde (Calderonabike). Entre os dous houbo 1 minuto e 18 segundos de distancia.

A piques estivo de chegar unha quinta presenza da nosa autonomía no caixón de La Adrada, pero o sub23 Nicolás Carrera (Bike Comp) quedou a seis segundos do terceiro posto. 

A próxima xornada do Open de España de Enduro terá lugar o 19 de maio en Mugardos coa celebración da Montefaro Enduro Race 2019.

Máis información 


Enlace con la noticia original: Triple triunfo galego no Open de España de Enduro en La Adrada

Mas noticias relacionadas