Trofeo Federación XCO: Pablo Álvarez acada unha vitoria con encanto en Baños de Molgas

Publicado por: F.G. Ciclismo

O Trofeo Federación de cross country olímpico (XCO) realizou a súa cuarta e penúltima parada en Baños de Molgas. Neste concello ourensá celebrouse o pasado sábado o II Trofeo Estaciones Vivas, unha proba disputada nun circuíto cun encanto especial. Os bikers rodaron por un fermoso bosque autóctono onde Pablo Álvarez foi o gran triunfador. O sub23 do Cambre-Caeiro acadou a vitoria absoluta na carreira raíña e colocouse como novo líder da súa categoría. 

O corredor do conxunto coruñés encabezou unha nómina de gañadores composta pola cadete Laura Mira (Redondela Il Piccolo), o cadete Ricardo Buba (Coruxo), a júnior Andrea García (Academia Postal – Maceda), o júnior Marco Nube Lema (Academia Postal – Maceda), a elite Aida García (Ciclistmo – Triatlon Poio), o elite Jorge Punzón (Cosmos), o máster-30 Rubén Deaño (Grupeta Pan de Zarko), o máster-40 Marcos Mayo (Noela) e o máster-50/60 José Ramón Castelo (Barbanzabike). 

A Fundación ADO Moure Pro Deporte, en colaboración co Club Ciclista Orensano, tivo que traballar moito e moi rápido para encher o baleiro que deixara no calendario autonómico a suspensión das probas que tiña programadas o Club Ciclista Marín. O reto era sacar adiante o seu primeiro evento de Mini BTT e a competición puntuable para o Trofeo Federación.

En ambos casos, o labor dos organizadores resultou un éxito. Pola mañá reuníronse 350 rapaces e rapazas, mentres que pola tarde os 88 participantes no XCO atopáronse un trazado moi coidado nun marco espectacular. 

Duelo a catro

A ausencia de Iván Feijoo, que se anotara o triunfo nas tres xornadas anteriores, provocou que a carreira elite e sub23 arrancara cun pronóstico incerto. Alberto Pedreira (Bici Verde) saiu a por todas e a metade da primeira das seis voltas foi alcanzado por Pablo Álvarez, Jorge Punzón e Estefan González (Burgas Bike).

Por mor dun problema mecánico perdeu contacto o líder elite Punzón e o duelo a catro quedou finalmente reducido a un cara a cara entre os sub23 Álvarez e González. "Na terceira volta, nunha subida bastante técnica, puiden descolgalo. A partir de aí rodei en solitario e tirei a morte ata chegar a meta", comentou o do Cambre- Caeiro. 

O gañador bateu por unha diferenza de 1:06 a González e a 3:30 rematou Punzón, terceiro na táboa absoluta e primeiro elite. Os 150 puntos sumados por Álvarez permítenlle adiantar a Feijoo no ranking sub23. 

Tamén cambiaron de propietarios os maillots de líderes en cadetes. Nas rapazas agora perténcelle a Laura Mira e nos rapaces, a Anxo Carril (Coruxo). No resto de categorías continúan mandando Andrea García e Marco Nube Lema en juniors, Zaida González (O Rosal) nas sub23, Desiree Fernández (RSBike) e Punzón en elites, Iván Pereira (RSBike) nos máster-30, Rocío Blanco (A Forna) nas máster, Marcos Mayo nos máster-40 e José Ramón Castelo nos máster-50/60.

Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas; Carlos Moure, máximo responsable da Fundación ADO Moure Pro Deporte; e Esteban Lorenzo, tesoureiro da Federación Galega de Ciclismo, presidiron a cerimonia de podio coa que se pechou a xornada. O desenlace do Trofeo Federación queda a expensas do que suceda o sábado 22 de xuño no V XCO Concello de Sanxenxo.

 

Foto: Luz Iglesias

Documentos: 

Enlace con la noticia original: Trofeo Federación XCO: Pablo Álvarez acada unha vitoria con encanto en Baños de Molgas

Mas noticias relacionadas