Comunicado Oficial tralo 4º ascenso

Publicado por: U.D. Ourense

Desde o asubío final do domingo en Atios, que supuxo a culminación da tempada ligueira como campións coa constatación do cuarto ascenso consecutivo, e logo da inevitable reflexión sobre o importante logro acadado, a Xunta directiva quere facer público o seguinte recoñecemento:

A todas as persoas que nos acompañaron dende aquel verán de 2014 no que nacemos, ás que nos seguiron sempre, ás que decidiron facerse socias, ás que se fixeron abonadas, ás que se ilusionaron cun novo Ourense, ás que de xeito desinteresado colaboran con nós, ás que como voluntarias levan a cabo unha labor impagable día a día,…

A todo o tecido empresarial, patrocinadores principais e demais entidades colaboradoras que nos apoian,…

A todos aqueles futbolistas, técnicos e distinto persoal que pertencen ou pertenceron á Unión Deportiva Ourense,…

Vós sodes os verdadeiros artífices desta xesta que quedará inscrita na historia do deporte ourensán.

Queremos destacar a unha afección incondicional, que dende os campos da terceira rexional ata a fonte de Concepción Arenal, deu o seu alento ao equipo, ateigando tanto as bancadas do Couto como as dos campos que visitamos, sempre con respecto e cun comportamento excepcional, representando a verdadeira Forza da Unión Deportiva Ourense.

Agradecer tamén aos medios de comunicación e aos distintos clubs deportivos que nos estiveron apoiando dende o primeiro momento.

En xeral, co ánimo de non esquecernos de ninguén, a todas as persoas que sintades ledicia polo éxito acadado o domingo: moitas grazas!

La entrada Comunicado Oficial tralo 4º ascenso se publicó primero en Unión Deportiva Ourense.


Enlace con la noticia original: Comunicado Oficial tralo 4º ascenso

Mas noticias relacionadas