O presidente do COE, Alejandro Blanco, reúnese cos presidentes das Federacións Deportivas Galegas

Publicado por: UFEDEGA

O máximo responsable do movemento olímpico español rompeu unha lanza a favor dos nosos deportistas e mostrouse moi optimista de cara á celebración dos Xogos Olímpicos de Tokio no 2021

A sala de videoconferencias da Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA) albergou este mércores 27 de maio unha interesante xornada organizada por este colectivo na que o gran protagonista foi o presidente do Comité Olímpico Español (COE), Alejandro Blanco.
A actividade, baixo o título “Encontro entre a UFEDEGA e o presidente do Comité Olimpico Español”, comezou ás 18:00 horas coa apertura oficial por parte de Rafael Louzán, Presidente da UFEDEGA, e coa benvida a todos os participantes por parte de José Ramón Lete Lasa, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
Esta xuntanza, dirixida aos presidentes e directivos das distintas Federacións Deportivas Galegas, enmárcase dentro das actividades formativas e informativas que está a desenvolver a UFEDEGA co obxectivo de facilitar a maior información posible ás entidades deportivas galegas, tratando de poñer algo de luz nestes momentos nos que impera a incertidume e as dúbidas.
Alejandro Blanco, galego de berce, falou dos plans do COE de cara aos Xogos Olímpicos de Tokio, aprazados para 2021 debido á pandemia do Covid-19, e deu resposta a todas aquelas dúbidas que lle foron trasladadas polos representantes das distintas Federacións Deportivas Galegas.
O máximo responsable do COE agradeceu, en primeiro lugar, a invitación da UFEDEGA e do seu presidente, Rafael Louzán, pola invitación e lamentou que “esta xornada teña que ser por videoconferencia, porque sigo confinado. Xa me encantaría a min poder estar na miña terra con todos vós”.
Alejandro Blanco tamén destacou durante a charla coas distintas Federacións Deportivas Galegas que o seu desexo é que o Goberno acelere a desescalada, polo menos para que todos os deportistas poidan regresar canto antes aos adestramentos, e niso traballa a diario o COE. “Fixen moitas peticións a quen corresponde porque creo que habemos de ser todos iguais na desescalada. Ti non lle podes argumentar razoablemente a alguén que un futbolista poida adestrar só e un piragüista, un tenista ou un judoca, por poñer tres exemplos, non poidan. Pedimos, insisto, que aceleren a desescalada”.
Así mesmo, e sobre se existe algunha posibilidade de que certos deportes non figuren entre as modalidades que se poidan celebrar o próximo ano en Tokio, o presidente do Comité Olímpico Español foi claro e tallante: “Ou fan Xogos con todos os deportes ou se non, non teñen moito sentido. Estou convencido de que haberá Xogos e nos Xogos estarán todos os deportes”.
En canto ás datas previstas para a disputa dos JJOO, Blanco apuntou que “os Xogos se expoñen para Tokio o 23 de xullo. Hai moita xente que aínda dubida da súa celebración, pero eu agora mesmo non quero chorar nin transmitir a mensaxe de que non se van a celebrar os Xogos, pero o meu pensamento é positivo e creo de verdade que os Xogos se van a celebrar”.

“A España do imposible é o deporte español”
O máximo reponsable do movemento olímpico español aproveitou este encontro telemático para romper unha lanza a favor do deporte español.
Eu dígolle aos políticos, cando me queren escoitar, que en España practican deporte 26.000.000 de persoas. O deporte é algo máis que os olímpicos. Necesitamos que as empresas que queiran vir axudar o deporte teñan todas as facilidades do mundo. Como país somos o mellor deporte do mundo sen ningunha dúbida. Os resultados do deporte español cos recursos do deporte español son incribles. A España do imposible é o deporte español”.

Volta das competicións en setembro?
O presidente do COE, Alejandro Blanco, volveu tirar de optimismo e admitiu que confía en que a próxima tempada poida arrincar no mes de setembro. “Son máis optimista hoxe que onte. Xa vimos o presidente do Goberno dixo que os turistas estranxeiros poderán visitar España a partir do 1 de xullo e que aos poucos se irán abrindo máis fronteiras. Non vexo que haxa dificultade para que as competicións poidan empezar en setembro. Agora si, se poden empezar os deportes colectivos, non vexo por que os deportes individuais non o poidan facer. Se non hai un repunte pódese empezar en setembro. É a miña opinión persoal”.

La entrada O presidente do COE, Alejandro Blanco, reúnese cos presidentes das Federacións Deportivas Galegas se publicó primero en UFEDEGA.


Enlace con la noticia original: O presidente do COE, Alejandro Blanco, reúnese cos presidentes das Federacións Deportivas Galegas

Mas noticias relacionadas