A carreira do Carme en Marín serviu para vestir a sete campións e campioas de Galicia

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

O Club Ciclista Marín foi o encargado de organizar os Campionatos de Galicia de fondo para cadetes,  junior e mulleres.  Os cadetes Miguel Mera (MMR) e  Noela  Saa (Maceda); os  junior César Pico (Fundación) e Carla Fernández (Meruelo); e as mulleres Mª Jesús Barros (Spol) en elite; Irene  Trabazo (Marín) en  sub 23 e Marta  Barbeito (Hércules) en  master, son os novos campións autonómicos.

A intensa xornada de competición iniciouse coa carreira de categoría  junior. Foron 71 quilómetros de percorrido con tres subidas ao Alto  do Castro, o ascenso ao Alto do  Pituco e a subida á  Porteliña apenas tres quilómetros antes de meta. Aínda que os primeiros en tentar a fuga foron  Roi Domínguez (Fundación) e Adrián  Giraldez (Ponteareas), non sería ata o último terzo de carreira e co pelotón moi  fraccionado, onde se decidiu o Campionato. No descenso do  Pituco lanzou o seu ataque Adrián Barros (Coruxo) que deu alcance aos dous fuxidos e tras excedelos plantouse en meta con máis dun minuto de vantaxe sobre César Pico (Fundación),  Brais Cima (Ponteareas) e Manuel  Sanpedro (Cambre). Ao cabo estes tres corredores serían quen integraría o podio ao ser descualificado Barros por competir cun desarroio non regulamentario para a súa categoría.

Tras resolverse a proba  junior comezou a carreira dos cadetes na que se viviu un novo duelo entre Miguel Mera (MMR) e Manuel Rodríguez (Ponteareas). O ponteareán estreou en Marín o seu título nacional e como tal mostrouse moi combativo formando con Mera e Rubén Raposo (Redondela) a primeira fuga de importancia do día. Con 51 quilómetros de trazado e os homes máis fortes na cabeza os membros de Cortizo e Compostelán tomaron as rendas para iniciar a persecución. Con todo tampouco no pelotón existiu un gran entendemento para tratar de abortar a escapada que chegou a superar o minuto de vantaxe. Foron Miguel Rodríguez e Jorge Fernández (Puenteareas) quenes fixeron de ponte para tratar de dar caza ao fuxidos pero cando apenas quedaban dez quilómetros a meta.

A loita polo Campionato estaba na cabeza e Manuel Rodríguez (Ponteareas) puxo a Mera (MMR) contra as cordas no último porto que con todo foi curto para o seu empeño. Isto permitiu a Mera recuperarse no descenso e alcanzar a meta con suficiente vantaxe para revalidar o seu título de Campión de Galicia cadete. Manuel Rodríguez fíxose co subcampeonato e Jorge Fernández no seu debut como ciclista do Ponteareas acadaba a medalla de bronce.

Todas as categorías de mulleres disputaron o Campionato a unha distancia de 45 quilómetros coa excepción das cadetes que se incorporaron ao pelotón desde a zona de meta cando levaban transcorridos os primeiros 20  kilometros. Gran parte de tensión á proba púxoa a venezolana  Joselyn Brea ( Farto), unha corredora destacada no tríatlon e que protagonizou o primeiro intento de fuga da xornada. A súa roda foi todo un reclamo para a campioa elite, Mª Jesús Barros (Spol) que se uniu a Brea decidida a endurecer a carreira. Á porriñesa sumáronse a local Irene  Trabazo (Marín) con Inés Castaño (Compostelán) e a  junior Carla Fernández (Meruelo).

O grupo de cabeza quedou formada cando apenas se cumprira o  ecuador de competición e a incorporación das participantes cadetes fraccionou de maneira definitiva a proba. Tivo que ser a emocionante entrada en meta a que definise os títulos. Primeiro a vitoria de Barros (Spol) que superaba con autoridade no sprint a Brea (Farto). Despois a entrada en solitaria de Carla Fernández (Meruelo). A Campioa  junior levou ao seu ronsel a Noela  Saa (Maceda) cara ao título cadete. Irene  Trabazo (Marín) gañou o pulso baixo o arco de meta a Castiñeiro (Compostelán).

O segundo grupo foi chegando moi  fraccionado a meta completando os podios da categoría  sub 23 co bronce de Andrea Tome (Farto); a prata de Maria Correa (Farto) e bronce de Andrea García (Maceda) en  junior; subcampeonato de Laura Capa (Farto) e terceira praza de Claudia García (Redondela) en cadetes; e o podio master con vitoria de Marta Barbeito (Hércules) e subcampeonato de Mónica Alarcón (Arcadecycles).

Á conclusión da proba procedeuse á entrega de medallas e a imposición da camisola aos novos campións e campioas nun acto no que estiveron presentes o presidente do Club Ciclista Marín, Juan Carlos Ruibal; o presidente da  FGC, Juan Carlos Muñiz; o Concelleiro de Deportes de Marín, D, Antonio Traba; e a Alcaldesa, Dna. María Ramallo.

IMaxe: ©Fotocarlosgrafias


Enlace con la noticia original: A carreira do Carme en Marín serviu para vestir a sete campións e campioas de Galicia

Mas noticias relacionadas