RESULTADOS da FASE CLASIFICATORIA CAMPO A TRAVÉS – XOGADE (13 xaneiro, Lugo)

Publicado por: Lucus Atletismo

Fantásticos os RESULTADOS deste sábado, nunha fría mañá de cross na que se disputaba a FASE CLASIFICATORIA DE CAMPO A TRAVÉS para as categorías menores e a SUB16 mixta, que reúne nesta segunda proba aos equipos que sairán clasificados para o Campionato Provincial de Vilalba e na que o LUCUS CAIXA RURAL GALEGA quixo amosar o seu potencial.

Conforme ía abríndose paso o sol, comezaban as distintas carreiras desde as 11:00 horas da mañá, na que a categoría SUB10 feminina e masculina sería a primeira. En canto aos rapaces, un único punto separaríaos do terceiro posto, rematando os 600m cunha puntuación global de 44 puntos.

As benxaminas, que quedarían sen equipo no último momento, disputaban o percorrido como participantes individuais e sen a posibilidade de puntuar, aínda que iso non impediu que melloraran os seus resultados con respecto á fase anterior.

A categoría SUB12 triunfaría na carreira feminina, dominada polas atletas do LUCUS, que obtiñan a clasificación directa para o Provincial, cun total de 17 puntos e a medalla de ouro por equipos nun dos grupos participantes. Os outros dous, acadarían a medalla de bronce, con 65 puntos, e a oitava posición na puntuación xeral; con bos tempos no kilómetro que tiñan de circuíto. A masculina tampouco sería menos, e conseguiría a clasificación directa cun dos equipos (segundo posto no podio, con 40 puntos) e a 5ª posición para o outro equipo, na que os atletas loitaban por chegar a meta para puntuar.

Favorables foron tamén os resultados dos veteráns da Escola de Atletismo, nos que a categoría SUB14 feminina subía ao 2º posto do podio cun dos tres equipos participantes, rematando os outros dous na quinta e sexta posición. Os rapaces, que superaban os 1.500 metros, lograban rematar o percorrido cun cuarto posto por equipos e destacadas participacións individuais.

Por último, os/as cadetes do Club farían o seu na categoría SUB16, na que as rapazas volveron dominar a carreira finalizando nas primeiras posicións con 15 puntos por equipo, alzándose coas medallas de prata no podio; mentres que os rapaces conseguirían subir tamén, neste caso coas medallas de bronce, a tan só un punto do segundo clasificado e entre os primeiros chegados a meta, logo dos 3.500 metros que tiñan que percorrer.

Deixámosvos os resultados completos da xornada con todas e todos os participantes, ademais dunha galería con diversas fotos da mañá, nas que podedes ver o ben que o pasaron e o moito que se esforzan neste tipo de probas, nas que combinan a unión de equipo coa competitividade. OLLO! Porque en breve estará de volta a EDICIÓN FAILS coas imaxes máis divertidas e graciosas dos/as nosos/as atletas, porque non hai nada mellor que saber rirse dun mesmo!

 

MOITAS GRAZAS POR PARTICIPAR, NORABOA ATLETAS!!

Enlace con la noticia original: RESULTADOS da FASE CLASIFICATORIA CAMPO A TRAVÉS – XOGADE (13 xaneiro, Lugo)

Mas noticias relacionadas