A Copa Galicia de Enduro e a de XCO suben o pano esta fin de semana

Publicado por: F.G. Ciclismo

Modalidades: 

O BTT galego prepárase para a súa fin de semana máis intensa no que vai de ano. Este sábado arranca a Copa Galicia de Cross Country Olímpico (XCO) en Poio e o domingo bota a andar o certame autonómico de Enduro en Moaña. Ademais, tamén se disputará en Ames a última proba do circuíto Transgalaica de Cross Country Maratón (XCM).

O tren de borrascas que atravesou Galicia durante as últimas semanas retrasou o inicio das dúas copas de BTT que restan por comezar. A de XCO tivo que aprazar a súa cita inaugural de Ferrol e coroará os primeiros líderes no X Open BTT Concello de Poio. O renovado circuíto de Samieira, cunha lonxitude de 6,2 quilómetros, será o escenario da competición organizada polo Club Ciclismo Triatlón Poio. A primeira quenda de saídas está fixada para as 16:30 horas e a segunda para as 18:00. 

A Copa Galicia consta doutras seis probas puntuables: Ferrol, Arteixo, Betanzos, Cambre, Marín e Maceda. Este certame é independente do Trofeo Federación XCO, do que se xa levan celebradas tres xornadas. 

Endurrazo

Sen saír da provincia de Pontevedra, ao día seguinte entrarán en acción os especialistas galegos de Enduro. O Club THC Bike volve convertir a Moaña durante unha fin de semana na capital desta modalidade cunha nova edición do Endurrazo. O evento reunirá nos montes da comarca do Morrazo a 210 riders. 

Os participantes terán o sábado a súa primeira toma de contacto co circuíto. Ás 14:00 horas principiarán os adestramentos oficiais, nunha xornada na que a organización do Endurrazo tamén programou unha carreira baby para menores de 12 anos e unha exhibición de biketrial. O domingo chegará o prato forte e ás 8:40 horas darase o pistoletazo de saída. O percorrido de 30 quilómetros, con cinco treitos cronometrados (tres en A Parralaia e dous en Ermelo) busca tanto a espectacularidade como a accesibilidade para que o público poida gozar das evolucións dos pilotos.

O calendario desta Copa Galicia complétano o Enduro Monte Castro Burela, a Montefaro Enduro Race e a VigoBikeContest, que estaba prevista para o mes de marzo e tivo que adiarse polo mal tempo. Os vencedores no 2017 do certame autonómico desta modalidades foron Pedro Gonzalo nos juniors; Raúl Fernández nos sub23; Mauro González nos elites; Desiree Duarte nas mulleres; Tony Pérez nos masters-30; José Manuel López Vaqueiro nos masters-40; e José Carlos Táboas nos masters-50/60.

Transgalaica en Ames

O menú competitivo desta fin de semana tamén ofrece última xornada puntuable da Transgalaica 2018. No municipio coruñés de Ames decidiranse o domingo, a partir das 9:30 horas, os gañadores finais deste circuíto de carreiras de XCM. Os Esfola Arrós exercerán de anfitrións neste maratón de 66 quilómetros ao que Esteban Sánchez e Lara Lois, ambos do Extol – La Gramola Team, chegan liderando as táboas absolutas. 

En canto ás marchas cicloturistas de BTT, este domingo a A Forna, A.D. celebra a XVII Marcha BTT Faro de Budiño


Enlace con la noticia original: A Copa Galicia de Enduro e a de XCO suben o pano esta fin de semana

Mas noticias relacionadas